Entra en vigor a nova normativa de acceso de vehículos ao centro histórico de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A nova normativa de acceso de vehículos ao centro histórico da cidade, aprobada polo Pleno do Concello do mes de outubro entrará en vigor mañá, xoves, día 13 de novembro, unha vez publicada, no día de hoxe, no Boletín Oficial da Provincia. O acordo plenario modifica a Ordenanza Municipal de Tráfico e Circulación vixente en 3 artigos: os números 6, 7 e 19 do Anexo número II da ordenanza, que regula de xeito específico o réxime circulatorio do centro histórico da cidade.

A nova normativa establece que para acceder ao centro histórico, os vehículos deberán contar cunha tarxeta magnética e un distintivo no que constará a matrícula do vehículo autorizado. Iso individualiza o dereito de acceso nas condicións determinadas na autorización administrativa concedida a cada titular segundo sexa este residente, usuario de cocheira ou praza de garaxe, teña un negocio na zona ou preste un servizo urxente ou imprescindible á comunidade.

O dereito de acceso concederase nos seguintes casos:

A.- Residentes: Persoas físicas titulares ou arrendatarias de vivendas sitas no centro histórico, para todos os vehículos de uso ou servizo particular dos que sexan titulares. Tamén aquelas persoas que, residindo dentro da unidade familiar dunha vivenda do centro histórico, e teñan un vehículo ao seu nome certificado polo Concello terán dereito a dispoñer da súa correspondente tarxeta magnética de acceso.

Persoas propietarias residentes no centro histórico que carezan de vehículo propio poden dispoñer dunha tarxeta que lle permita o acceso a calquera vehículo que estea identificado.

B.- Propietarios/as non Residentes: Tamén se concederá tarxeta magnética de acceso aos propietarios de vivendas non residentes.

C.- Usuarios/as de garaxes: Concédense a aquelas persoas físicas que por calquera título utilizan un garaxe situado no centro histórico, aínda que non sexan residentes.

D.- Comerciantes: Titulares de establecemento comercial sito dentro do perímetro do centro histórico da cidade.

E.- Servizos Especiais: Concédense a institucións e servizos de carácter urxente ou de rigorosa necesidade.

As persoas interesadas poden solicitar máis información na Policía Local de Ourense (rúa Victoria Kent, 1 no barrio da Ponte) e na Oficina de Atención Cidadá do Concello de Ourense, na Praza de Santa Eufemia, número 6, baixo, teléfono 988 392909.

As solicitudes presentaranse a través de Rexistro Xeral do Concello, cubrindo unha instancia xeral e achegando a documentación que en cada caso se require.

12 de novembro de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.