Eme2 presenta no Teatro Municipal de Tui a comedia “Meu ben”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioTui
A-
A+

A vida de tres mulleres de tres xeracións sae a escena en “Meu ben” a obra que Eme2 representa este venres, ás 21.30h, no Teatro Municipal de Tui.

Álvaro Lavín dirixe a Rocío González, Elina Luaces e Mercedes Castro nun representación teatral baseada no texto de Elaine Murphy.

O espectáculo retrata a vida de tres mulleres dunha mesma familia, tres mulleres de clase media que viven un ano completamente extraordinario. A máis nova, Amber, acaba de rematar o instituto. A súa nai Lorraine ataca a un cliente no traballo polo que ten que visitar un “médico da cabeza” que lle receita facer algo bo para ela mesma unha vez por semana: é hora de se apuntar a clases de salsa! A avoa Kay, pola súa banda, tenta sentirse viva nos frustrantes sesenta mentres coida do seu marido enfermo. Tres xeracións de mulleres de clase media contan a historia dun ano extraordinario.

A obra foi estreada en 2008 pola compañía Guna Nua, converténdose rapidamente nun éxito. En 2009 foi galardoada co prestixioso premio Carol Tambor do Festival de Edimburgo sendo a primeira produción irlandesa en levar esta distinción. Desde aquela leva cativando ao público arredor do mundo con producións nas Illas Británicas, en Australia e en Nova York. Agora chega ao estado español da man de Eme2.

As entradas para este espectáculo están á venda en www.culturatui.info ata o venres ás 13h, ou poderanse mercar o venres dende ás 20h no despacho de billetes da Área Panorámica ao prezo de 6€ e 4,5€.

11 de novembro de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.