Educación inviste 120.000 euros no CEIP de Cedeira para a ampliación do comedor e unha nova aula de psicomotricidade

Bravo Bosh na visita ao centro de ensino
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investiu máis de 120.000 euros nas obras de acondicionamento e ampliación do CEIP de Cedeira, en Redondela, co obxectivo de ampliar a súa superficie para comedor e crear unha nova aula de psicomotrocidade.
Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, xunto ao alcalde do Concello, Javier Bas, realizou unha visita para comprobar o resultado dos traballos levados a cabo e que, coma sinalou “redundan nunha mellor calidade educativa para todo o alumnado, equipo directivo e persoal do colexio”.
A obra de reforma e mellora do CEIP de Cedeira ten por obxectivo a adaptación do centro á lexislación vixente, tanto no referente ao cumprimento da normativa de accesibilidade coma ao programa de espazos, coa ampliación de superficie para comedor e a creación dunha aula de psicomotricidade, entre outras melloras.
Con esta proposta, como explicou Bravo Bosch, foi necesario acometer dúas liñas de actuación que foron, por unha banda, a reorganización interior do centro actual e, por outra, a ampliación deste aproveitando o espazo cuberto existente na fachada este de 155,25 m2 para dar cabida ao novo comedor e a nova aula de psicomotricidade.
Deste xeito, o conxunto destas obras proporcionou:
-Un novo comedor máis espazoso e adecuado ao número de alumnos do centro.
-Un espazo para a aula polivalente e de psicomotricidade.
-Liberación de accesos e lugares de almacenaxe mediante a redistribución de certos espazos.
-Dotación de aseos propios nas aulas de infantil.
-Ampliación do espazo exterior cuberto.
-Mellora da accesibilidade do centro, con ramplas de acceso e creación dun novo aseo adaptado para uso de discapacitados
-Novo local para o ANPA
-Integración do grupo escolar resultante, axustándose aos parámetros e condicionantes esixibles pola presenza do conxunto catalogado que conforman a igrexa e o seu atrio.
O CEIP de Cedeira conta con 200 alumnos e alumnas e nos últimos anos realizáronse distintas obras nas súas instalacións que alcanzaron un investimento total superior aos 142.000 euros e que pasaron pola reforma da instalación eléctrica ou a reparación dun muro e da cuberta, entre outras.











