publicidade hoxe

Economía e Industria inviste 48.000 euros na renovación do alumeado público de varias rúas de Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarral
A-
A+
Belén do Campo na visita a Carral

Belén do Campo na visita a Carral

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Carral para supervisar o avance do proxecto subvencionado pola Consellería de Economía e Industria para a renovación do alumeado público en varias rúas do municipio. O proxecto supón un investimento total de 56.625 euros, dos que o departamento autonómico aporta 48.131 euros.

Do Campo, acompañada polo alcalde, José Luis Fernández Mouriño, sinalou que o proxecto de mellora da iluminación pública exterior estase a acometer nas rúas Beira, Coiro, Industria e na avenida 1º de Maio, onde se substituirán un total de 142 puntos luz formados por lámpadas de sodio de alta presión por equipos led, o que suporá unha rebaixa do gasto enerxético, así como unha diminución da contaminación.

Segundo explicou a delegada territorial, estes traballos permitirán reducir o consumo en 35.568 kWh/ano e, en consecuencia, a factura eléctrica do concello de Carral en máis de 7.300 euros ao ano. As emisións de dióxido de carbono tamén descenderán en 23,12 toneladas nun período de 12 meses.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético do concello nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou a representante do Goberno galego na provincia. Deste xeito, resaltou, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

Neste senso, Do Campo sinalou tamén que a liña promoveu, unha vez máis, os proxectos colaborativos entre un ou máis concellos, como no caso de Carral, que concurriu a esta convocatoria agrupada con Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Oleiros e Sada polo que veu incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

19 de novembro de 2014 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.