Economía e Industria aposta por incrementar as relacións comerciais con Estonia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+
Intervención de Javier Aguilera en Ferrol

Intervención de Javier Aguilera en Ferrol

O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe que a Xunta de Galicia aposta por seguir impulsando a proxección exterior das empresas galegas no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, e salientou a importancia de Estonia como socio para incrementar as alianzas e as relacións comerciais na Unión Europea, especialmente cara aos países nórdicos.

Aguilera Navarro participou en Ferrol, xunto co embaixador de Estonia en España, Rasmus Lumi, na apertura dunha xornada técnica específica sobre ese país, onde destacou as posibilidades de incrementar as relacións bilaterais, especialmente en actividades como a transformación da madeira, a industria química, as TIC ou a fabricación de maquinaria e equipamento.

Neste sentido, o director do Igape salientou que nos últimos anos medio cento de empresas galegas veñen vendendo produtos e servizos a Estonia, sumando unhas exportacións que roldaron os 21,5 millóns de euros en 2013, cun incremento do 215% sobre as cifras rexistradas en 2009.

As exportacións galegas a este país corresponden especialmente a dous dos sectores máis exportadores da economía galega, a automoción e o téxtil, se ben Estonia importa tamén produtos da pesca ou manufacturas da pedra, entre outros produtos galegos.

Na xornada técnica sobre o mercado de Estonia desenvolvéronse relatorios específicos sobre as oportunidades de negocio empresarial que ofrece ese país e houbo unha mesa redonda na que participaron expertos nese mercado e representantes de empresas galegas como Ferrol Container ou o Grupo Calvo. As empresas asistentes tamén tiveron a oportunidade de celebrar encontros persoais con representantes da Embaixada de Estonia.

A Consellería de Economía e Industria está a consensuar actualmente a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, que se aplicará a través dunha xanela única localizada no Igape e coa que a Xunta aspira a consolidar o progresivo crecemento das exportacións galegas para superar os 23.000 millóns de euros en 2020.

17 de novembro de 2014 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.