Dous partidazos do Santiago Futsal ao mellor prezo
O Santiago Futsal porá este luns á venda as entradas para dous partidos claves. En ambos os abonados do club terán que pasar por despacho de billetes nos que serán os primeiros días do club desta tempada.
No caso do encontro contra o Burela Pescados Rubén que se disputará o vindeiro sábado 6 de decembro ás 13h a decisión de cobrar ao abonado vén motivada polo feito de que se disputará no PM de Santa Isabel, un recinto cun aforamento de 1150 persoas que esixe un control de acceso moi rigoroso. O cheo en “A bombonera” está practicamente garantido: tanto polo feito de tratarse dun derbi como por que o do próximo sábado será o primeiro encontro televisado por Teledeporte ao club esta tempada. A pista azul volverá lucir como nunca en Santa Isabel despois de moitos anos.
Para este partido o club regalará con cada entrada unha rifa grazas á cal se entrará no sorteo dunha excepcional cesta de Nadal valorada en case 200€. Así mesmo, e para facilitar o acceso ao Pavillón, todos os adultos que retiren a súa entrada recibirán un ticket valorado en 6€ grazas ao cal disporán de aparcadoiro gratuíto no Parking A Catedral, a 50 metros do PM de Santa Isabel, desde as 12h ás 17h. O club recomenda tamén utilizar o transporte público para acceder ao pavillón.
Os prezos serán os mesmos para o partido de Cuartos de final de Copa do Rei ante Inter Movistar do martes 9 de decembro ás 21h. O mesmo xogarase no Multiusos Fontes do Sar e será unha oportunidade histórica de conseguir o pase a semifinais da Copa do Rei na nosa casa ante un dos grandes da nosa liga, o Inter Movistar. Un auténtico partidazo que está a levantar moita expectación, sobre todo tras o precedente do partido disputado ante o mesmo rival fai tan só tres semanas que se decidiu a favor dos verdes a falta de tan só 10 segundos.
O horario de venda de entradas será de 10h a 14h e de 17h a 20h nas oficinas do club no Multiusos Fontes do Sar de luns a venres. Así mesmo calquera dúbida será liquidada no teléfono 981 11 50 38 no mesmo horario. Os despachos de billetes abrirán unha hora antes do inicio de cada un dos partidos.
SANTIAGO FUTSAL VS BURELA PESCADOS RUBÉN
Sábado 6 de decembro ás 13h no PM de Santa Isabel:
Tarifas abonados*:
Adulto** – 5€
De 13 a 17 anos – 2€
Menores de 13 anos – 1€
Tarifa Xeral*:
Adulto** – 10€
De 13 a 17 anos – 5€
Menores de 13 anos – 2€
*Todos aqueles que compren a súa entrada entrarán no sorteo dunha Cesta de nadal valorado en 200€
**Todos os adultos que retiren a súa entrada recibirán un ticket grazas ao cal disporán de aparcadoiro gratuíto no Parking a catedral, a 50 metros do PM de Santa Isabel, desde as 12h ás 17h
SANTIAGO FUTSAL VS INTER MOVISTAR
Martes 9 de decembro ás 21h no Multiusos Fontes do Sar:
Tarifas abonados:
Adulto – 5€
De 13 a 17 anos – 2€
Menores de 13 anos – 1€
Tarifa Xeral:
Adulto – 10€
De 13 a 17 anos – 5€
Menores de 13 anos – 2€











