Dez finalistas competirán no III Concurso de deseño de xoias San Eloi

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O III Concurso de Deseño de Xoias San Eloi organizado polo Colexio Oficial de Xoiaría pon en valor o oficio e a produción do sector xoieiro galego. Alfonso Pérez de Alfonso Joyeros, membro do xurado, destaca a oportunidade que ofrece o concurso para “amosar as inquedanzas artísticas achegándoas ao mundo da xoiaría. Achega de primeira man os participantes aos fabricantes galegos colexiados que poden descubrir algún talento ata agora descoñecido”.

Luis González de Ardentía, membro do xurado do concurso, suliña a participación máis variada no referente ao tipo de deseños e ao perfil dos deseñadores, algúns deles de fóra de Galicia “o que contribúe a entender mellor como se ve Galicia noutras comunidades”.

Os dez finalistas foron seleccionados polo xurado pola súa innovación de deseño, a posibilidade de realización e a portabilidade da xoia, así como a súa relación coa temática escollida nesta edición: o mar. Entre eles repartiranse os premios en metálico: 1.000 euros para a proposta gañadora, 500 para a segunda proposta e 200 para a terceira.

Alfonso Pérez engade que entre as propostas a concurso nesta edición “destacaría o concepto dende o cal se basea e nace a creación de cada finalista, é dicir, a peza presentada ten un significado e unha razón de ser. Hai deseños que se poderían executar perfectamente, incluso para o uso cotiá, non só para ocasións especiais”.

As tres propostas gañadoras do III Concurso de Deseño de Xoias San Eloi coñeceranse durante a Gala da Xoiaría de Galicia 2014 – San Eloi que terá lugar o sábado 29 de novembro no concello ourensá de Allariz. A Gala, ademais, será unha oportunidade para o recoñecemento público por parte do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia a colexiados e personalidades galegas, así como a presentación oficial da Campaña de Nadal 2014 do sector.

20 de novembro de 2014 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.