Deteñen en Negreira a un home acusado de violar á súa filla e fillastras durante varios anos
A Garda Civil detivo en Negreira (A Coruña) a un home acusado de violar durante varios anos á súa filla e ás fillas da súa parella, da que agora está en trámites de separación.
Segundo informaron fontes próximas ao caso, o home, natural de Santa Comba, foi detido este xoves despois de que a nai das nenas interpuxese unha denuncia ante a Garda Civil informando os feitos. Segundo as mesmas fontes, a muller tivo coñecemento dos feitos despois de iniciar a separación do seu marido.
A xuíza chamou a declarar ao home a mesma xornada do xoves aínda que, á espera de realizar máis pescudas sobre o caso, foi prorrogada a súa detención. Fontes xudiciais sinalaron que está previsto que volva declarar ante a xuíza este venres.