Deteñen a dous veciños de Cangas como supostos autores de roubo con forza nunha vivenda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasSucesos
A-
A+

O pasado día 23 de outubro, compoñentes do Posto Principal da Garda Civil de Cangas do Morrazo procederan á detención de dous veciños da localidade (M.G.F., e P.O.B.), como supostos autores dun roubo con forza nunha vivenda vacacional do citado municipio.

Continuando coas investigacións, o pasado día 4 dos correntes, procedeuse á detención de D.C.F., de 23 anos de idade e a R.G.R., da mesma idade e veciños da mesma localidade, como supostos coautores do citado delito de roubo con forza.

Na instrución das correspondentes dilixencias por estas últimas detencións púidose pescudar que os obxectos subtraídos foran vendidos a dous veciños de Vigo.

Por todo iso levan a cabo as oportunas investigacións lográndose a imputación de E.V.V. e de IS.A.A., ambos de 23 anos de idade e veciños da cidade olívica, como supostos autores dun delito de receptación.

Os detidos, que contan con antecedentes policiais, quedaron en liberdade despois de prestar declaración coa obrigación de presentarse, xunto cos imputados, no Xulgado de Instrución número TRES de Cangas, cando para iso sexan requiridos.

Recuperouse a maior parte dos efectos subtraídos.

7 de novembro de 2014 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.