Derrota da peña españolista Prone Lugo F.S. B
Segunda derrota da tempada, primeira como local, para o filial do Prone, nun partido no que non tivo á sorte do seu lado, posto que gozou de oportunidades para levarse o partido pero chegou a enviar ata sete balóns aos paus da portaría do Carballiño.
A primeira metade comezou cun pouco de desconcerto por parte do equipo local, que tardou en collerlle o pulso ao partido, feito que aproveitaron os xogadores do Carballiño para no minuto 7 lograr o 0-1. Reaccionaría ben a Peña Españolista e empezaría a gozar de ocasións para igualar o partido, e así despois dunha xogada larguísima, con máis de 20 pases, Rubas lograría o empate a 1. A pouco máis dun minuto para chegar ao descanso os visitantes aproveitarían unha contra para irse ao vestiario con vantaxe 1-2.
A segunda metade comezou co mesmo guión que finalizara a primeira co equipo local lanzado contra a portaría visitante, así dicíano o numero de disparos a portaría cun total de 50 por locais mentres que os visitantes só o fixeron en 10 ocasións; pero a defensa pechada plantexada polos visitantes e a actuación estelar do seu porteiro Alejandro, farían desesperarse ao filial do Prone, que vía como lle era imposible lograr un novo gol. Mentres tanto o equipo do Carballiño soubo aproveitar as súas opcións á contra, e así en dúas contras ben levadas lograron dous novos goles para levarse os tres puntos do Chanto. A pesar da derrota a Peña Españolista Prone Lugo F.S. continua segunda na clasificación, debido tamén aos tropezos dos equipos da parte nobre da táboa.











