Deporte organiza unha xornada sobre a natureza voluntaria ou laboral das actividades nas entidades sen ánimo de lucro

Lete Lasa nas xornadas. Foto: A. Varela
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos González, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato, participaron na tarde de hoxe da inauguración da xornada “A natureza voluntaria ou laboral das actividades desenvolvidas nas entidades deportivas sen ánimo de lucro”, celebrada no sesión de actos da EGAP.
A xornada, organizada pola secretaría xeral para o Deporte en colaboración coa EGAP, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, tivo por obxectivo informar ao sector deportivo sobre os distintos encadramentos xurídicos das actividades desenvolvidas nas entidades deportivas sen ánimo de lucro por adestradores, técnicos, deportistas e outras figuras similares, facilitando información práctica sobre a normativa en vigor nos ámbitos laboral e de acción voluntaria, e actualizando os coñecementos dos axentes deportivos para a mellora última das súas competencias.
Durante a apertura da xornada, o secretario xeral para o Deporte subliñou a consubstancial voluntariedade do feito deportivo, “algo recoñecido na normativa deportiva de Galicia, pero tamén no propio ámbito da Unión Europea, como apunta o art. 165 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea”, recordou Lete Lasa.
Así mesmo, o responsable de Deportes da Xunta de Galicia apuntou a evidente obrigatoriedade das normativas laboral e de acción voluntaria vixentes, se ben avogou por estudar posibles encadramentos na Seguridade Social que veñan a reflectir as especiais características do deporte, “sempre, claro está, no obxectivo de cumprir as normas pero sen desnaturalizar os especiais condicionamentos do deporte”.
Pola súa banda, o director xeral de Xuventude e Voluntariado indicou que a promoción do voluntariado no ámbito deportivo é un dos obxectivos específicos a desenvolver como liña estratéxica no III Plan Galego de Acción Voluntaria 2011-2014 da Consellería de Traballo e Benestar.
No caso das entidades e clubs deportivos de mediano e pequeno tamaño a participación voluntaria dos seus asociados ou colaboradores supón un dos piares básicos para poder desenvolver as súas actividades. Polo tanto, estase ante un marco normativo e de acción institucional que ampara, promove e regula accións cotiás que nos clubs desenvolven de facto persoas voluntarias.
O club deportivo pode incluírse no Rexistro de entidades de acción voluntaria, o que lle proporciona tanto ao club como aos colaboradores voluntarios a seguridade xurídica necesaria no marco da Lei de Acción Voluntaria de Galicia de 2011.
Coa súa posta en marcha, Galicia foi a primeira administración autonómica que posibilita que os voluntarios obteñan unha certificación oficial das experiencias adquiridas durante todo o proceso de voluntariado, que poderán incorporar posteriormente ao seu currículo. Nos case 7 meses que leva en vigor o rexistro, foron xa incorporadas á súa base de datos máis de 1.000 experiencias voluntarias.
Participaron dos relatorios e da mesa redonda celebrada, representantes dos departamentos da Xunta de Galicia organizadores da xornada, así como Inspectores de Traballo e da Seguridade Social, avogados laboralistas e representantes da Tesourería Xeral da Seguridade Social.











