Declaración institucional do Concello de Pontevedra para o Día da non violencia contra as mulleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Máis de 750 mulleres asesinadas en España desde 2003 é un dato o suficientemente tráxico como para remover conciencias e levarnos a todos e a todas a reflexionar sobre un problema, a violencia de xénero, que en pleno século XXI só pode ser abordado de xeito lobal integral e como un verdadeiro asunto de Estado.

Así o entendemos na Corporacion Muinicipal de Pontevedra e que, coincidindo coa próxima data do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, queremos renovar e reforzar o noso compromiso de loita contra a violencia que de forma sistemática se vén exercendo contra as mulleres en todo o mundo e en todas as circunstancias.

Este mesmo ano coñecemos o alarmante informe da Axencia de Dereitos Fundamentais da UE que revela que unha de cada tres europeas foron, fomos, vítimas dalgún tipo de violencia. Sesenta e dous millóns de mulleres vítimas dunha sociedade machista que atá o de agora se ten demostrado incapaz de atallar un problema que atenta contra os dereitos fundamentais e contra os propios dereitos defendidos na Constitución Española, como o dereito á igualdade, á liberdade, á vida, á dignidade, á seguridade e a non discriminación.

Son as cifras e as consecuencias dunha lacra inaceptable en calquera espazo e tempo e que en pleno século XXI ten que levarnos moito máis alá da condena de cada un dos asasinatos, máis alá da actuación puntual ante cada crime e, por suposto, máis alá da conmemoración dun día no calendario: a loita contra a violencia de xénero ten que ser un trabllo permanente e extenso. A violencia de xénero ten fondas raíces sociais culturais e estructurais que só se poderán arrancar na medida en que exista un compromiso inequívoco de tolerancia cero por parte de toda a sociedade e na medida en que se establezan pautas de actuación para cambiar todos e cada un dos factores que están na base da que, sen dúbida algunha, é a actuación criminal máis estendida do mundo.

Freala require dunha actuación en múltiples campos (educación, xustiza, emprego, servizos sociais, sanidade, información…) que fai indispensable unir esforzos entre todas as administracións e entre todos os axentes sociais para acadar unha resposta coordinada eficaz e interdisciplinar única forma de acabar con esta grave lacra social.

Tense andado un gran camiño. O primeiro paso foi conseguir que o que non fai tanto se consideraban “crimes pasionais” e asuntos de orde doméstica, hoxe sexa considerado un grave problema social que nos incumbe a todos e a todas. O seguinte foi establecer medidas e destinar recursos á prevención e á sensibilización social, á protección das vítimas e dos seus fillos e fillas e a promover a eliminación de calquera discriminación que poida sustentar as actitudes machistas

O próximo ten que ser o que permita unha actuación conxunta, o máis ampla posible para rachar coas estruturas sociais e culturais do patriarcado que están na base da traxedia.

Desde esta corporación municipal queremos:

· Condenar e rexeitar as actitudes machistas que danan calquera sociedade democrática que se pretende igualitaria e que están na base da violencia de xénero.

· Amosar o noso apoio solidariedade e recoñecemento a todas as mulleres e a quén as apoia, que dun ou doutro xeito, son vítimas de discriminación e desigualdade e, en especial, daquelas que sofren violencia física ou psíquica.

· Solicitar a todas e cada unha das asministracións públicas e comprometernos no que ao Concello de Pontevedra lle compete, a seguir desenvolvendo políticas activas de loita contra a violencia de xénero e investindo en medidas de prevención e apoio ás vítima.

17 de novembro de 2014 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.