Declaración institucional do Concello de Pontevedra con motivo do Día Mundial en lembranza das Vítimas de Accidentes de Tráfico
A Organización das Nacións Unidas (ONU) acordou designar o terceiro Domingo de Novembro como o Día Mundial en lembranza das Vítimas de Accidentes de Tráfico, este ano 2014 baixo o Lema “Speed kills”, “A velocidade mata”. O Estado Español sumouse a esta iniciativa que o Concello de Pontevedra considera positiva e quere aportar a súa colaboración con esta Declaración Institucional.
Os datos de vítimas de tráfico son aterradores e ben elocuentes: cada ano morren no mundo arredor de 1,3 millóns persoas e sobre 50 millóns teñen feridas con secuelas permanentes. Estima a ONU que sobre o 2% do PIB mundial estrágase nos accidentes de circulación.
Na Galiza, segundo datos de 2012, os últimos completos publicados, morreron nas nosas estradas e rúas 157 persoas, e resultaron feridas máis de 15.000 persoas, das cales foron graves máis de 1.000.Das galegas, a provincia de Pontevedra é a de peor comportamento e peores datos.
Durante moitos anos, demasiados, os sinistros de circulación foron catalogados como accidentes, o que daba a entender que son resultado do chou, de imponderábeis de difícil ou imposíbel control e que, polo tanto, poucas medidas efectivas se podían adoptar para evitar eses accidentes e as súas terríbeis consecuencias.
Sen embargo, a realidade é moi diferente; os sinistros que poden catalogarse con propiedade como verdadeiros accidentes por causas que non se poden prever e evitar, son unha ínfima parte da sinistralidade existente nas nosas rúas e estradas. Os demais sinistros, a inmensa maioría, son debidos a causas evitábeis; por esta razón tense acuñado, por parte, entre outros, das Asociacións de Vítimas de Tráfico, o termo “violencia viaria” ao enténdelo máis preciso para denominar os sinistros de circulación.
Unha morte por condución desatenta ou por exceso de velocidade non é un mero accidente; habería que clasificar estas condutas como o que son: violencia viaria con resultado de morte, pois existe unha relación de causa-efecto clara, evidente e directa.
“A velocidade mata” é unha evidencia. A 120 km/hora nunha autoestrada, un despiste ou fallo pode non rematar en morte polos marxes de seguranza da vía e do automóbil; a 180 km/hora, a morte é case segura.
Un atropelo a 70 km/hora resulta en morte case segura; a 50 km/hora, perdoa en case a metade dos casos e a 30 km/hora, salvan a vida case todos os atropelados. Esta foi a razón pola que esta Corporación acordou, unanimemente, limitar a 30 Km/hora a velocidade en todas as vías municipais.
Moito se ten avanzado nos diversos campos relacionados coa seguranza viaria, pero queda aínda moito por facer. Cada morto, cada ferido grave, cada ferido nun sinistro de tráfico, constitúe un fracaso, un doloroso e custoso fracaso da sociedade, das institucións, dos fabricantes de automóbiles, dos lexisladores.
Facemos un chamamento a seguir traballando co obxectivo de erradicar os sinistros e terminar coa lacra de mortes e feridos nas nosas rúas e estradas, especialmente a ter sempre presente que “A velocidade mata” e a adopción dos comportamentos e medidas que permitan rematar coas mortes nas rúas e estradas por culpa da velocidade.











