De Lara continúa coa instrución da causa por contrabando de tabaco
A titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes, prosegue coa instrución da causa por contrabando de tabaco que se saldou con 50 detidos, 22 deles arrestados en Galicia, no marco da ‘Operación Smuggling-Pentágono’ levada a cabo pola Garda Civil e a Axencia Tributaria.
Segundo informaron fontes xudiciais, a maioría dos 50 detidos pasaron a disposición xudicial en Lugo, aínda que algúns o fixeron noutros puntos de España onde foran arrestados. Unicamente un dos arrestados fora enviado a prisión provisionalmente, pero na actualidade está en liberdade.
A xuíza De Lara, que instrúe causas como a ‘Operación Pokémon’. prosegue coa instrución desta causa despois de que fai un par de semanas concluísen os últimos pases a disposición xudicial de detidos no marco deste operativo que comezou no ano 2013 e que xa se dá por finalizado.
Dos 22 detidos en Galicia, dez foron arrestados na provincia da Coruña, cinco na de Lugo, cinco na de Pontevedra e outros dous en Ourense, segundo sinalaron fontes da investigación. En total, no marco da ‘Operación Smuggling-Pentágono’ foron apresadas 50 persoas de diversas nacionalidades, con idades comprendidas entre os 21 e 70 anos, que se dedicaban a distribuír tabaco de contrabando desde Andorra e Xibraltar ata diferentes puntos do territorio nacional.











