David Pintor impartirá un obradoiro de caricaturas en Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O Concello de Fene invita a nenos e maiores a inscribirse no obradoiro “Seguro que sabes o que é un caricatura?” a cargo do debuxante David Pintor (Pinto&Chinto). Un taller que se celebrará o luns 24 de novembro, entre as catro e media e as seis do serán, no Museo do Humor e se inclúe na programación de actos do XXX Aniversario deste emblemático centro cultural. A actividade é completamente gratuíta e, para anotarse, tan só é preciso chamar ao teléfono 981 34 24 00 de luns a venres, de 8 a 14,30 horas.

Dirixido a nenas e nenas de máis de dez anos e público adulto, “Seguro que sabes o que é unha caricatura” plantéase coma un obradoiro teórico-práctico no que o debuxante David Pintor falará sobre o seu traballo como caricaturista e no que amosará unha selección das súas obras. Ao remate, realizará tamén algunha caricatura (ao vivo).

David Pintor (A Coruña, 1975) é un dos humoristas gráficos, ilustradores e pintores galegos máis internacionais. Dende o ano 1993 forma parella profesional (Pinto&Chinto) con Carlos López co que publica a diario as súas viñetas no xornal La Voz de Galicia. No ano 2011 foi finalista dos premios CJ Picture Book Awards e foi incluído na lista The White Ravens; tamén foi seleccionado para expoñer a súa obra en varias edicións da Bienal de Ilustración de Bratislava e da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia. Recibiu, entroutros o Premio Internacional Clermont-Ferrand de cadernos de viaxe e o Premio Ilustrador do Año Città del Sol.

17 de novembro de 2014 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.