Daniel Miller e Pepe Pozas presentan o II Campus Nadal Obradoiro

Presentación do II Campus Nadal Obradoiro
Os xogadores do Rio Natura Monbus, Daniel Miller e Pepe Pozas, visitaron a un centenar de alumnos do colexio santiagués A Inmaculada Concepción.
Pivote e base dos de Moncho Fernández, resolveron aos máis pequenos moitas das súas dúbidas, tanto referentes ao xogo como a outras curiosidades. Ademais, animáronos a anotarse ao Campus Nadal Obradoiro – El Corte Inglés, onde poderán perfeccionar a súa técnica durante cinco días con algúns dos mellores adestradores da cidade, así como facer novos amigos coa súa mesma paixón polo deporte da canastra. Ademais, o campus despedirase no partido o o Fontes do Sar contra o F.C. Barcelona, para o que os participantes terán a súa entrada de obsequio.
Antes de acabar, os xogadores mostraron aos nenos un pequeno exercicio, para logo asinar autógrafos mesmo no taboleiro da canastra do patio, onde aínda locen os autógrafos que en visitas anteriores deixaron o técnico axudante Gonzalo Rodríguez Palmeiro e Pavel Pumprla.











