‘CurtaMos coa violencia’ protagoniza a data do 25 de novembro

Presentación “CurtaMos coa violencia”
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e as concelleiras mosenses de Benestar Social e Educación e Participación Cidadá, Sara Cebreiro e Kely Monzón, respectivamente, presentaron hoxe oficialmente a programación organizada dende o Concello para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.
En primeiro lugar, durante os días de hoxe e mañá desenvolverase en varios centros educativos do municipio de Mos a actividade ‘Violencia de xénero: traballando dende a igualdade’, mediante a que se pretende abordar e previr a violencia de xénero dende o ámbito da educación.
Os beneficiarios desta iniciativa serán alumnos de quinto e sexto cursos de Educación Primaria dos colexios Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos), Mestre Valverde Maio (Sanguiñeda), Lar e CEIP de Petelos.
Dende a administración local considérase imprescindible abordar este tema nas diferentes etapas da educación co obxectivo de concienciar ó alumnado de que é un problema vixente e que é algo polo que se debe loitar co fin de erradicalo. Por isto o obxectivo desta proposta é facer reflexionar ós alumnos e alumnas sobre diferentes cuestións de inxustiza, a capacidade de respecto e valoración da diferenza, reflexionando sobre actitudes negativas que nos prexudican e afastan dos demais. Para o desenvolvemento da mesma o Concello de Mos conta coa colaboración de persoal especializado do servizo de violencia de xénero da Garda Civil, concretamente con Jorge Araújo.
O propio martes 25 de novembro, celebraranse en Mos actos en horario matinal e vespertino. Pola mañá realizarase unha Mesa Simbólica sobre Violencia de Xénero coa participación do alumnado de 1º de Bacharelato do IES de Mos, que contará coa asistencia da xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María Paz Pérez Asorey, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Benestar Social, Sara Cebreiro, representantes dos grupos políticos da Corporación Municipal e membros dos corpos de seguridade de actuación local, entre outras personalidades.
Durante esta mesa simbólica, que dará comezo ás 12.00 horas, presentaranse os resultados do estudo realizado polos alumnos e alumnas do Instituto sobre a percepción de condutas relacionadas coa violencia de xénero dende o alumnado do IES de Mos, valoraranse ditos resultados e aportaranse suxestións sobre os mesmos por parte de cada organismo implicado e darase lectura da moción presentada pola Corporación Municipal do Concello de Mos.
Por último, o 25 de novembro pola tarde, a partir das 20.30 horas levarase a cabo no Auditorio do Centro Dotacional de Torroso a proxección de sete historias enmarcadas no Ciclo de Curtametraxes ‘CurtaMos coa violencia’. Os títulos que os asistentes poderán visionar de xeito totalmente gratuíto son ‘El orden de las cosas’, ‘No aguanto a tus padres’, ‘Miente’, ‘Recursos humanos’, ‘La cruz’, ‘Deazularrojo’ e ‘Libre directo’.











