Culturgal acolle a mostra “Do papel ó xesto. Libros de artistas e otras diverxencias”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Presentación da mostra que acollerá Culturgal

Presentación da mostra que acollerá Culturgal

A Deputación de Pontevedra participará na 7ª edición de Culturgal, que se organiza do 5 ó 7 de decembro en Pontevedra, coa mostra Do papel ó xesto. Libros de artistas e outras diverxencias, unha exposición colectiva de 50 creadores e artistas, comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral, que amosa os libros convertidos en obxectos artísticos.

Sobral e Cabaleiro destacaron que é a primeira vez que se fai unha exposición deste tipo na que o libro é o pretexto do que parten as obras dos diferentes autores.

A exposición organízase en tres grupos: a dos libros intervidos, con reconstrución destes ou con intervencións de gravados, debuxos, etc; a dos libros construídos, na que a partir deles os artistas plásticos constrúen unha peza exclusiva; e a dos libros reinterpretados con vídeo, debuxos, esculturas, etc. “Son 50 olladas distintas sobre o mesmo concepto”, explicou Cabaleiro, que, ó igual que Sobral, se congratulou da expansión do Culturgal cara ás artes plásticas.

Entre os artistas que figuran na mostra están, entre outros, Alfonso Costa, Antón Patiño, Sobral, Berta Cáccamo, Carme Hermo, Caxigueiro, Din Matamoro, Marta Bran, Paula Mariño, Pilar Boullosa, Suso Basterretxea, Teresa Búa ou colectivos coma UH515, Cabeza de Corte Aéreo, Electrodomésticas, etc.

Na presentación da mostra, que tivo lugar hoxe na Deputación, participaron o presidente de Culturgal, Manuel Bragado, o director, Xosé Manuel Aldea, e a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez. Bragado subliñou que na Feira de Industrias Culturais “faltaban as artes plásticas e agora, grazas á Deputación, estarán”. Destacou o carácter transversal do evento e a súa vocación de abrirse e dirixirse a un público diverso e familiar, “non só profesional”, dixo.

A deputada Ana Isabel Vázquez congratulouse, pola súa banda, de que Culturgal dispoña dun novo espazo para as artes plásticas e aventurou que a edición deste ano “sorprenderá positivamente”.

Con motivo da mostra que patrocina a Deputación realizaranse presentacións na propia sala de exposicións. En concreto, o sábado 6 de decembro, ás 12:00 h, presentarase un libro de Baldo Ramos e Pepe Álvarez Cáccamo e, ás 13:00 h, terá lugar a presentación do Arquivo Editante, plataforma para a edición de arte.

19 de novembro de 2014 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.