publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cultura propón unha viaxe experimental ao pasado nunha exposición no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroPontevedra
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou hoxe a nova exposición temporal do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, coa que propón unha viaxe experimental e participativa pola paisaxe e a vida cotiá dos homes e mulleres que no pasado crearon os petróglifos.

Acompañado polo director do PAAR de Campo Lameiro, José Manuel Rey, o secretario xeral de Cultura puxo en valor o interese da mostra para lle achegar á cidadanía “os tesouros do noso pasado”. Con este fin, a exposición inclúe 12 paneis de gran formato acompañados dunha vitrina na que se incorporan réplicas obtidas a partir da arqueoloxía experimental, así como un pequeno audiovisual no que se recollen as actividades realizadas, ao longo de 2013 e 2014, dunha maneira didáctica, lúdica e participativa, ao abeiro do proxecto europeo Gestart.

O proxecto europeo Gestart

O proxecto de cooperación Gestart. Artistic Gestures Revisiting Artistic Diversity and Convergence, financiado pola Unión Europea, está coordinado pola Cámara Municipal de Maçâo (Portugal) e nel participan a Xunta de Galicia, a Junta de Estremadura, o Instituto Terra e Memória de Portugal, o Centro Universitario Europeo per i Beni Culturali de Italia e The Welsh Rock Art Organisation de Gales.

Todos os socios do proxecto Gestart son institucións públicas que contan cunha dilatada experiencia no ámbito da xestión cultural en xeral, e da investigación e difusión da arte rupestre en particular. Entre as principais accións contempladas no proxecto inclúense a mobilidade e a colaboración entre artistas, artesáns e especialistas en arte prehistórica nos distintos escenarios elixidos, seminarios locais e internacionais, exposicións locais e unha exposición itinerante polos destinos que forman parte do proxecto.

As novas mascotas do parque

O acto de inauguración da mostra tamén contou coas novas mascotas do parque, tres personaxes que teñen como obxectivo achegarlles os escolares e ao público familiar a arte rupestre dun xeito lúdico e divertido. Trátase de Artai, o vello sabio da comunidade que acumula coñecemento práctico e que coñece as historias que contas os petróglifos. Xiam, un rebuldeiro rapaz que quere ser guerreiro, e Ethur, o cervo, o señor do bosque, protagonista de moitas das historias que se contan no parque.

O PAAR de Campo Lameiro

O PAAR de Campo Lameiro ten entre as súas funcións a produción de coñecemento a través da promoción e participación en diferentes proxectos de investigación de ámbito nacional e internacional, a transferencia de experiencias a través da súa inclusión en redes de cooperación, e a creación dunha oferta de ocio intelixente que axude a difundir un dos conxuntos de arte rupestre máis salientables de Europa, descubrir o significado destas figuras e aproximarse á vida cotiá dos nosos antepasados.

21 de novembro de 2014 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.