Cristina Castaño protagoniza “El Lenguaje de tus Ojos” no Teatro Colón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O teatro e a danza contemporánea son os protagonistas da vindeira fin de semana no Teatro Colón. O venres 14 e o sábado 15 poderemos ver a última montaxe da compañía Teatro de la Danza de Madrid, trátase de El Lenguaje de tus Ojos de P. Marivaux. O domingo 16 Teatro Arriaga, Kukai e Tanttaka Teatro presentan Comunicación Incomunicación, un espectáculo que recibiu o MAX á mellor produción privada na pasada edición destes galardóns.

El Lenguaje de tus Ojos é unha comedia do francés Pierre Marivaux que xa se puido ver nos principais festivais de teatro clásico como o de Almagro ou o de Alcalá de Henares.  A obra cóntanos a historia da princesa de Barcelona, interpretada pola actriz galega Cristina Castaño, coñecida pola súa intervención na serie da TVG Pratos Combinados e actualmente no reparto de La que se avecina. A obra está chea de enredos amorosos, infidelidades e relacións de curta duración cheas de intereses de todo tipo, excepto amorosos.

A directora Amelia Ochandiano recoñece que se sentiu moi atraída pola beleza do texto ‘es una prosa directa a los sentidos, a la inteligencia y al corazón. Un auténtico placer escrito para ser dicho, oído y escuchado’. Recoñece tamén que o seu obxectivo principal á hora de montar esta obra foi producir no espectador o calafrío que provocan os clásicos cando, a pesares do tempo transcorrido, seguen a falar do home contemporáneo e daquelas cousas que perduran a través do tempo.

Premio MAX á mellor produción privada

O domingo 16 ás 19:00 horas poderemos gozar con Comunicación Incomunicación, unha produción do Teatro Arriaga, Kukai e Tanttaka Teatro que está coorganizada polo programa PLATEA do INAEM e que recibiu o Premio MAX á mellor produción privada na pasada edición deste importantes galardóns, que se conceden aos traballos máis destacados das artes escénicas dentro do territorio español.

A proposta, coreografada por Jon Maya en colaboración cos intérpretes, fálanos da dicotomía entre a comunicación e a incomunicación nas relacións humanas e mestura distintas disciplinas artísticas como o teatro ou a danza. O propio Jon Maya explica que para a súa creación inspiráronse no cantautor Mikel Laboa ‘él se valió a menudo de esa dicotomía y abrió una ventana a un mundo de inspiración, a través dela que nosotros hemos querido mirar’. A compañía parte do folclore vasco e utiliza as súas danzas para explorar novos camiños e linguaxes artísticas.

As entradas pódense  adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén no despacho de billetes do Teatro Colón a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.

10 de novembro de 2014 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.