Correos emitirá un selo dedicado á exposición ‘O primeiro Picasso’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, comunicou a José Manuel Barreiro, presidente da Sociedade Filátelica da Coruña, que Correos emitirá un selo dedicado á exposición O primeiro Picasso. As características da emisión detallaranse en xaneiro, cando se celebre o acto de presentación do citado selo especial.

Negreira realizou o anuncio durante unha visita á exposición A pintura na filatelia, que se desenvolve desde o pasado xoves e até o vindeiro domingo 30 na sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita. No encontro estiveron presentes Barreiro, outros membros da sociedade e un dos prestamistas da mostra. Na citada mostra filatélica exhíbense varias coleccións de selos sobre pintura, algunha delas dedicadas a Picasso.

O alcalde xa anunciou semanas atrás que Lotarías e Apostas do Estado dedicará un billete dun sorteo da Lotaría Nacional á exposición O primeiro Picasso. O billete ilustrarase cunha obra pintada polo artista malagueño na Coruña en 1895. O sorteo ordinario da Lotaría Nacional celebrarase na Coruña o 21 de febreiro, ao día seguinte da inauguración da exposición O primeiro Picasso, promovida polo Concello coruñés e a consellería de Cultura e que se celebrará baixo a organización do Museo de Belas Artes (sede da mostra) e o Concello.

28 de novembro de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.