Cores Tourís visita o remate das obras de reforma da Praza de Abastos de Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á Praza de Abastos de Bueu

Cores Tourís na visita á Praza de Abastos de Bueu

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña do alcalde de Bueu, Félix Juncal, a praza de abastos da localidade co obxectivo de comprobar o remate das obras realizadas neste mercado de cara a súa modernización e renovación.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo portavoz do PP da localidade, Manuel Santos.

A orde da Consellería (do 12 de marzo de 2014) á que se acolleu o concello de Bueu, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

O proxecto para a reforma do mercado municipal de Bueu supuxo un investimento de 177,900 euros, dos cales 133.425,15 foron aportados pola administración autonómica, “é dicir, o 75% do total”, explicou Cores Tourís. As obras consistiron na reparación, modernización e remodelación da estrutura da praza de abastos, así como a renovación do equipamento e material de uso comunitario, bancos e material da zona de vestiarios.

A maiores, tamén se puxeron en marcha actuacións para a dinamización comercial deste mercado a través de mentoring comercial, organización dun mercado temático e organización dun showcooking con produtos do mar.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou o delegado territorial. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

Por estas razóns, considera Cores Tourís que “é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o deBueu, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”, explicou o xefe territorial.

José Manuel Cores Tourís recordou que a Xunta impulsou en 2014 actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.

En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica supuxeron case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros.

Pola súa banda, o alcalde da localidade agradeceu a implicación da Xunta de Galicia, e en concreto, da Consellería de Economía e Industria, de cara a modernización desta praza de abastos, “unha das máis importantes da provincia de Pontevedra non só polo elevado volume de produtos que oferta e vende, senón tamén pola súa gran calidade, especialmente no eido do peixe e mariscos”.

28 de novembro de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.