Cores Tourís visita as instalacións da Escola de FP Marítimo-Pesqueira de Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Bueu

Cores Tourís na visita a Bueu

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as instalacións da Escola de FP Marítimo-Pesqueira de Bueu, dependente da Consellería de Traballo e Benestar Social

Na visita estivo acompañado da directora do centro educativo, María Teresa Caneda Triñanes e polo portavoz do PP da localidade, Manuel Santos.

A Escola de F.P Marítimo Pesqueira de Bueu conta no presente ano con case 900 alumnos, algúns deles mulleres, xa que se está a notar a progresiva incorporación do sexo feminino a este sector. “A demanda neste centro é moi elevada, xa que é o único de estas características co que conta a comunidade autónoma impartindo formación na familia profesional marítimo-pesqueira e incluso conta cunha bolsa de emprego para alumnos que rematan a súa formación”, explicou Caneda Triñanes.

De feito, este centro imparte formación para dous sectores diferentes moi relacionados co mar, o da pesca e o da Mariña Mercante, así como aporta coñecementos complementarios de tipo sanitario para os profesionais embarcados. “De feito, tamén cabe destacar a formación en soldadura que ofrecemos nesta escola, en especial porque temos homologados certos tipos desta formación que converten aos mariñeiros de máquinas en profesionais con traballo garantido en países coma Holanda ou en plataformas distribuídas por todo o mundo”, engadiu a directora do centro, quen destacou que o obradoiro de soldadura que se ven ofrecendo neste centro e é un dos mellores e máis avanzados de cantos existen en Galicia. “Aínda que nos últimos dous anos non se organizaron estudos deste tipo, agardamos que para o ano contar coa sua posta en marcha”, engadiu Caneda Triñanes.

Ao longo do presente ano leváronse a cabo diversas melloras no centro, como a instalación de toda a condución da auga, a reparación e preparación da aula de navegación para impartir un novo curso Avanzado de Formación Sanitaria e a construción dun cuarto para novo servidor de datos, cun orzamento que superou os 11.000 euros. “De cara ao vindeiro 2015 agardamos dotar a aula de informática con 20 ordenadores así como reparar o tellado”, explicou a directora da escola.

Tal e como explicou Teresa Caneda, a colaboración con outras institucións como a Escola Naval Militar de Marín, “é clave para a formación e experiencia dos alumnos”. De feito, recentemente 17 alumnos deste curso trasladáronse ata este centro militar para, nunha colaboración puntual e experimental, poder levar a cabo as prácticas do módulo de Ponte nas instalacións do simulador de navegación deste centro militar, quen tamén prestou, desinteresadamente aos seus instrutores de formación para impartir as prácticas a estes alumnos.

O resultado foi “unha práctica activa, sorprendente e enriquecedora para os alumnos que puideron desenvolver na ría de Pontevedra, grazas á excelente montaxe das pantallas dixitais do simulador”.

Precisamente, o curso da Mariña Mercante “Patrón Portuario” ao que pertencen estes alumnos, é un dos máis demandados. De feito, este ano fixéronse dúas edicións con 20 estudantes en cada un. Está homologados pola Mariña Mercante, o ISM, a Consellería do Medio Rural e do Mar, así como pola Consellería de Cultura e Educación.

28 de novembro de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.