publicidade hoxe

Cores Tourís comprobou as melloras de cinco camiños rurais en Pontecesures

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontecesuresPontevedra
A-
A+
Cores Tourís en Pontecesures

Cores Tourís en Pontecesures

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron para a mellora de cinco pistas municipais rurais do concello de Pontecesures dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, Manuel Luis Álvarez Angueira.

Tamén estiveron presente o xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois, o portavoz do PP da localidade, Juan Manuel Vidal, e o concelleiro de Obras.

Trátase da mellora dos camiños de Forneiras, O souto, Condide, Ensanche e Fontaina. As actuacións centráronse en todos os casos na roza e limpeza dos viais e no varrido da súa superficie, así como a colocación de firme con aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor.

No caso do camiño de Forneiras, ademais, actuouse en dous puntos distintos. No primeiro deles ampliouse a anchura dunha curva cunha franxa de 1 metro por 28 de longo para a mellora da seguridade viaria. No segundo tramo, incorporouse canalización de PVC ao logon de 12 metros de lonxitude.

En canto ao camiño de O Souto, fíxose unha gabia circular de pedra para a protección dunha palmeira e aplicouse aglomerado sobre o pavimento existente nunha superficie de 460 metros cadrados, demoléndose o pavimento anterior e instalando un muro de perpiaño de 40 centímetros de alto e un metro de lonxitude, así como o recrecido de tres tapas de pozos.

No camiño da Fontina, mellorouse o firme ao longo de 160 metros, co recrecido a maiores de 15 tapas de pozos. No camiño do ensanche, a obra executouse ao longo de 40 metros de lonxitude mentres no camiño de Condide mellorouse o acceso ao cemiterio, ampliándose o camiño polas dúas marxes e construíndose un muro de cachotaría.

O investimento nestes traballos tivo un custo total de arredor dos 38.000 euros.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca de Caldas-Umia, investíronse ao longo do presente ano un total de 318.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís. Para o exercicio 2014-15, o concello de Pontecesures contará con 63.790 euros de cara a afrontar novos traballos de mellora de camiños rurais.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Pontecesures para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Nos últimos anos a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso concreto do concello de Pontecesures, investíronse case 240.000 euros en melloras de infraestruturas viarias en Carlos Maside, no entorno do regato de Chancela, en Carreiras, na pista da Toxa, na subida ao Requeixo-San Xulián, entre outros camiños rurais.

24 de novembro de 2014 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.