Cores Tourís comproba o remate das obras do Plan Marco realizadas en Cerdedo

Cores Tourís en Cerdedo
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron para a mellora de acceso a dous camiños rurais do concello de Cerdedo dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, José Balseiros, así como polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois.
As obras consistiron na mellora do firme de acceso a dúas pistas municipais: o camiño do lugar de Piñeiro na parroquia de Santo Tomé de Quireza e o camiño do lugar de Chamadoira na parroquia de San Xoán de Cerdedo.
No caso do primeiro camiño, de 444 metros de lonxitude e un ancho medio de 5 metros, leváronse a cabo labores de limpeza de cunetas, varrido do camiño e mellorouse o seu firme con aglomerado quente de cinco centímetros de espesor. No caso da segunda pista, actuouse en 108 metros de lonxitude onde se traballou na limpeza do camiño e na mellora do firme con aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor. Este segundo camiño conta cun ancho variable de entre 3,4 e 7,5 centímetros.
O investimento nestes traballos tivo un custo total de 35.829,56 euros.
“Sería interesante explicar tamén que, no caso de Cerdedo, recibirá para a próxima anualidade 2014/15 algo máis de 73.896 euros para novos traballos de mellora de camiños rurais”, avanzou o delegado territorial.
“Tamén cabe destacar que no caso da comarca do Tabeirós-Terra de Montes, estase a investir ao longo do presente ano un total de 238.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Cerdedo para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.
Nos últimos anos, a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso concreto do concello de Cerdedo, o investimento roldou os 342.000 euros con obras nos lugares de Barro e Docabo, así como en Parada, A Eira Grande de Pedre, Abelaíndo, Tomonde, Limeres, Salgueiro, Arén e Piñeiro.











