publicidade hoxe

Cores Tourís comproba o avance da mellora da competitividade do parque empresarial A Facha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña do alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns, o polígono empresarial da Facha para comprobar o avance dos traballos de mellora da competitividade deste parque empresarial.

Nesta visita, o delegado territorial estivo tamén acompañado do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

Estas obras, que segundo apuntaron os técnicos da empresa adxudicataria das mesmas rematarán nos próximos días, estanse a executar grazas ao programa de apoios municipais para a rehabilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais galegos que puxo en marcha a Consellería de Economía e Industria,

Así, ao quedarse pequena a infraestrutura anterior do polígono, o concello decidiu investir 91.596 euros na mellora da estación depuradora de augas residuais deste parque, dos cales, o 80%, é dicir, 73.277 foron aportados a través da Consellería de Economía e Industria. “Os traballos consisten na substitución da depuradora actual por un sistema de depuración formado por un decantador dixestor tipo imhoff, un filtro biolóxico, unha decantación secundaria e unha infiltración parcial no terreo para reducir, desta forma, o caudal vertido en época estival”, explicou Cores Tourís. “Todas as etapas de depuración irán soterradas para evitar bombeos previos ou intermedios que necesiten de un aporte enerxético”.

“Non só se quedou pequena a depuradora”, matizou o alcalde da localidade, “senón que, ademais estaba a ser constantemente obxecto de reparacións e custosas operacións de mantemento”.

O delegado territorial da Xunta resaltou a importancia da orde á que se acolleu este concello e que está a impulsar este ano actuacións en preto dunha decena de parques empresarias da provincia de Pontevedra, xerando postos de traballo e incrementando a competividade do tecido empresarial da comarca. “Deste xeito, colaboramos cos municipios pontevedreses, facilitando a realización de distintas iniciativas cun investimento de máis de 600.000 euros”, explicou.

A través desta liña apóianse diferentes accións que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Dase así un novo impulso ás administracións locais, con apoios que, para os proxectos individuais, alcanzan ata os 120.000 euros, e que se ven incrementados nun 15% nos casos de consorcios de 2 e 3 municipios.

Así mesmo, e de cara a facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que desde o 2009 leva destinados preto de 17 millóns de euros a este programa, 4,2 millóns no presente ano.

Trala finalización dos traballos, sinalou José Manuel Cores Tourís, teranse beneficiado deste programa nos últimos anos 26 concellos diferentes da provincia de Pontevedra, impulsando melloras nas infraestruturas de distintos parques co obxectivo de atraer investimentos empresariais. Na convocatoria deste ano beneficiáronse 7 concellos na provincia de Pontevedra.

11 de novembro de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.