publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras de mellora na estrada PO-400

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArboAs NevesCrecentePontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou os traballos de mellora da estrada PO-400 que atravesa os concellos de As Neves, Arbo e Crecente e na que se investiron case 225.000 euros.

No caso desta estrada, actuouse no concello de As Neves, entre o quilómetro 8 e o 12; así como en Arbo, entre o 12 e o 24 e en Crecente, entre o 24 e o 30. Na visita as obras, o delegado territorial estivo acompañado polo alcalde de As Neves, Raul Emilio Castro. “os traballos consistiron no fresado e reposición da calzada con mestura bituminosa en quente, reposición da sinalización horizontal e xestión de residuos e limpeza de obras, desenvolvendo, en total 103.481 metros cadrados de fresado así como aplicando 2.609 toneladas de bituminosa. Tamén se aplicaron 5.000 metros lineais de pintura acrílica para a reposición de marcas viarias”, explicou José Manuel Cores Tourís.

Tanto o delegado territorial como o alcalde de As Neves destacaron a importancia destas obras para mellorar esta estrada que presentaba desgaste no seu asfaltado, garantindo así a seguridade viaria dos vehículos que circulan diariamente por esta vía “que é unha das que máis tráfico soporta na comarca ao ser enlace entre varios municipios limítrofes”.

Tres millóns de euros para a mellora de máis de 15 estradas

O delegado territorial tamén destacou os máis de 3 millóns de euros investidos este ano na mellora de máis de 15 estradas en concellos dependentes da Delegación Territorial de Pontevedra.

En este sentido, Cores Tourís recordou que estes traballos executáronse nas estradas PO-244 entre Vilaboa e Soutomaior, a PO-254 entre Ponteareas e Mondariz e a PO-404 entre Guillarei e A Rañada, “ademais da estrada de As Neves, a PO-400”, onde se investiron, en total 500.000 euros para obras de reposición e fresado, bituminosa en quente e sinalización horizontal”.

Tamén se investiron outros 500.000 euros para mellora das estradas PO-224 entre Ponte Bora e San Antoniño, na PO-534 entre Lalín e Folgoso, e a PO-960 entre Vila de Cruces e o límite da provincia de Pontevedra. “Esta reforma consistiu en traballos similares aos das estradas do Condado-Paradanta, aplicándose, neste caso, ademais, microaglomerados en frío”, matizou o delegado territorial quen recordou que, a maiores, nesta área tamén se levaron a cabo obras de mellora na estrada que une Agolada con Melide, a PO-840, por un montante de 100.000 euros.

José Manuel Cores Tourís tamén destacou os 600.000 euros destinados á mellora das estradas PO-305 entre Saiar e Vilagarcía e a PO-331 entre Pontevedra e Vilagarcía, onde se executou a fresadura e reposición das zonas de pavimento deterioradas. Nestes traballos levouse a cabo, ademais, a aplicación da coñecida como “pel de crocodilo” e “malla grosa” e procedeuse tamén á reposición da sinalización horizontal en todo o tramo.

Finalmente, tamén destacou a execución de obras de mellora da seguridade viaria en outras 4 estradas da provincia onde se investiron 517.000 euros, en concreto para as vías PO-300 entre Mosteiro e Cambados, da Po-303 entre Samieira e Castrelo, da PO-313 entre Marín e Moaña e da PO-548 entre Pontecesures e Vilagarcía.

Ademais, o delegado tamén recordou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mellorou o trazado e o firme da estrada que enlaza Cachafeiro con Vilapouca en Forcarei (PO-536) e que supuxo un investimento de 850.000 euros.

José Manuel Cores Tourís destacou a importancia destas obra de mellora da seguridade viaria, “xa que estamos a falar dunhas estradas que soporta un importante número de vehículos ao día e que necesitaban mellorar a calidade da súa calzada”.

7 de novembro de 2014 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.