Convócanse as bolsas de axuda de “agasallos de Nadal” en Ferrol
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, deu conta esta mañá das bases reguladoras para a concesión de bolsas de axuda de “Agasallos de Nadal 2014” na comisión informativa da Área. Esta nova campaña pretende fomentar a igualdade dos nenos e nenas pertencentes a familias con escaseza de recursos económicos. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días contados a partir do día seguinte á publicación de ditas bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP).
A convocatoria deste ano conta cunha mellora con respecto ás anteriores que é a axilización dos trámites para a presentación da documentación requirida. Neste senso, as persoas que cursaran algunha das achegas ofertadas pola Concellería de Benestar Social durante este ano non terán que volver a presentar toda a documentación, agás que houbera algún cambio na súa situación ou datos. Así, non precisarán presentar de novo coa solicitude o libro de familia, a última declaración do IRPF ou Documento Nacional de Identidade entre outros papeis ao tratarse de datos que xa están en posesión da Área de Benestar Social.
Esta bolsa de agasallos no Nadal vai dirixida aos menores que non teñan cumpridos os 13 anos o vindeiro 6 de xaneiro de 2015, así como no caso de discapacidade psíquica recoñecida o tope de idade será de 18 anos. Poderán solicitar estas axudas os representantes legais dos menores –pai, nai e titor/a- que cumpran os seguintes requisitos:
– Estar empadroado e residir no Concello de Ferrol.
– Convivir cos/as menores para os que se solicita a axuda.
– Que os ingresos económicos da unidade familiar non superen os máximos establecidos nas bases.
– Presentar a solicitude e a documentación en tempo e forma establecida polo Concello de Ferrol.
O Goberno Municipal mantén a partida económica destinada a que os nenos/as de familias con menos recursos económicos non se queden sen agasallos nas datas de Nadal. Así, o orzamento xeral que destina a Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol para “Agasallos no Nadal 2014” ascende aos 40.000 euros. A axuda máxima para cada menor é de 50 euros, que se fará efectiva a través dun vale que se troca por xoguetes, cd´s, libros, roupa deportiva, artigos de deporte, ou calquera material ou instrumento relacionado coas novas tecnoloxías (consolas, ordenadores…) nas entidades comerciais ferrolás.











