Continúan os traballos no Complexo deportivo Carballo Calero para reabrir a Piscina e a Sala fitness o vindeiro 17 de novembro
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Deporte que dirixe Marcos Trigo informa de que o luns 17 de novembro reabrirán as súas portas a Piscina e a Sala fitness do Complexo deportivo Carballo Calero. Os traballos de acondicionamento das instalacións a raíz do incendio que se produciu o pasado 24 de outubro dividironse en dúas fases. A primeira avanza a bo ritmo para intentar repoñer o servizo o antes posible e nas mellores condicións, segundo indicou o Concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, durante a visita que realizou ás instalacións o luns 10 de novembro (na imaxe). O vaso da piscina xa está operativo despois de levar a cabo os controis sanitarios pertinentes, e na sala fitness tamén está todo listo para retomar a actividade. A peor parte correspondeu aos vestiarios grandes, que resultaron máis danados, debido a que o lume afectou ás instalacións.
Os traballos desenvolveranse nunha segunda fase e demoraranse unhas semanas máis. Nos restantes vestiarios, nos cales a afección foi menor, dende Carballo Deporte realizarase unha reorganización para que a merma da capacidade afecte o menos posible aos abonados e abonadas, así como aos clubes que utilizan a instalación municipal para a súa actividade diaria debido á grande cantidade de deportistas que moven. O complexo retomará o día 17 ao seu horario habitual. Así, tanto a Piscina coma a Sala fitness funcionarán de luns a venres de 7.15 a 13 e de 15.30 a 22.30 horas e os sábados de 9.00 a 13.30 horas. Recuperaranse, así mesmo, os cursos de natación, algúns dos cales foron trasladados provisionalmente á piscina Vila de Noia e outros foron suspendidos por falta de capacidade.











