Continúan as visitas de prospección comercial dos empresarios colombianos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

No penúltimo día da misión comercial inversa con importadores colombianos, estes desprazáronse a empresas da Eurorrexión para continuar coas visitas comerciais. Ao estar enmarcado este proxecto no ámbito transfronteirizo da Eurorrexión, os integrantes deste grupo de empresarios acudiron a reunións fóra da provincia. En concreto, os representantes de Intergroup e Adriana Corssy, prescriptora experta no comercio do país suramericano, visitaron esta mañá a patronal conserveira Anfaco – Cecopesca e continuaron coa rolda de citas en varias empresas do ramo como Conservas de Cambados, Cerqueira, Orbe, Antonio Palacio ou Thenaise-Provoté. Ao seu regreso a Ourense, Corssy mantivo tamén encontros con outros empresarios na CEO. Mentres tanto, na provincia permaneceron os importadores de Delyvino e Eternia Sabores para realizar visitas ás adegas e colleiteiros seleccionados na cata realizada onte na D.O. Ribeiro: Antonio Cajide Gulín (Ribadavia), Manuel Formigo de la Fuente (Beade), Coto de Gomariz (Leiro), e Ramón do Casar (Castrelo de Miño).

Pola súa banda, o representante do sector metal mecánico, da firma Hefe Aceiros, mantivo un encontro na empresa Rodríguez López Auto, para completar a continuación a axenda de visitas fixada en Portugal. Un xogo para aprender A sesión “Unha primeira experiencia no exterior”, pechou a xornada de hoxe coa posta en marcha dun xogo de rol no que os participantes puideron practicar os primeiros pasos que hai que dar para saír ao exterior, axudados por especialistas en internacionalización que lideraron o desenvolvemento do xogo e explicaron os obstáculos que se poden atopar no proceso, e as ferramentas para facerlles fronte. Un adestramento especializado, un caso práctico, a exposición de solucións, a rolda debate e a exposición do experto no caso, foron partes desta simulación dun proceso de internacionalización levado a cabo por 6 relatores con formación multidisciplinar.

Partindo da base de que a internacionalización é unha realidade posible e próxima para as pemes, o adestramento especializado combinou aspectos conceptuais cunha parte práctica baseada na escoita de boas prácticas e a posta en escena a través dun xogo de empresa. Na metodoloxía deste xogo, os grupos de participantes tiveron que resolver os problemas expostos polos xefes de departamentos involucrados na internacionalización, como mercadotecnia, financeiro, legal ou recursos humanos, dunha empresa ficticia, para poder levar con éxito o proceso e expansión internacional a un determinado país, Colombia nesta ocasión. Durante 5 horas as pemes participantes, con interese en internacionalizarse, puideron experimentar e resolver cuestións propias sobre como internacionalizar unha empresa dunha maneira práctica. Ao termo, cada grupo expuxo as solucións expostas ao resto dos membros, o que deu lugar á rolda de debate para valorar as opcións e determinar cal de todas elas é o camiño máis correcto á hora de iniciar o proceso de internacionalización.

A xornada foi un marco ideal para o fomento do networking entre as empresas asistentes buscando a cooperación para saír ao exterior. Esta actividade enmárcase entre as accións do proxecto ECICII cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea. A xornada permitiu aos asistentes tamén coñecer os resultados do proxecto. Toda a información do proxecto está dispoñible na web: www.ecicii.org. A semana de adestramento finaliza en Ribadavia e Valdeorras Conecta a túa empresa a Europa!. Oportunidades da Unión Europea para as pemes. Este é o nome da sesión de peche desta semana de adestramento para a Internacionalización, na que se presentará a Enterprise Europe Network, unha rede creada pola Comisión Europea e con máis de 600 centros en 50 países, así como os seus servizos no que respecta a mercado interior europeo, cooperación empresarial, proxectos europeos e políticas da Unión Europea.

26 de novembro de 2014 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.