Conta atrás para a Ponte Sustainability Jam
Este sábado, 22 Novembro, dará comezo, ás 09:30h., unha nova entrega da Global Jam: a Global Sustainability Jam, un evento internacional de deseño de servizos que se celebra o mesmo fin de semana en distintos países. En Pontevedra, a cita terá lugar na Casa das Campás (R/ Don Filiberto 9-11, Pontevedra), baixo o nome de Ponte Sustainability Jam. A cinco días de que o reto dea comezo, aínda quedan prazas libres para participar nesta experiencia. Aquelas persoas que estean interesadas poden inscribirse a través de Ticketea.
48 horas de creación sen límite en todo o mundo. Isto é o que promete a Global Sustainability Jam, un encontro mundial dirixido a cidadás, funcionarios públicos e especialistas en innovación co obxectivo de deseñar e prototipar servizos que cambien o mundo. En base a un desafío común, pequenos equipos traballarán construíndo solucións innovadoras. Todos os Jam a nivel mundial compartirán o mesmo desafío, e publicarán os seus resultados locais na plataforma central www.planet.globalsustainabilityjam.org











