Concurso de canastras no encontro do Obradoiro e o Sevilla con lotes de produtos Galicia Calidade como premio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro celebrará este sábado o seu quinto partido da tempada no Fontes do Sar ante o Baloncesto Sevilla (20.00 horas, non televisado). Como habitualmente, diferentes marcas do Club de Empresas Obradoiro acompañarán ao club durante o transcurso do partido.

Unha delas, Galicia Calidade, véno facendo desde pasadas campañas cun divertido concurso nun dos tempos mortos do partido, grazas ao que os participantes se poden levar un completo lote de produtos de empresas amparadas baixo o Selo Galicia Calidade, certificado de prestixio, impacto e calidade.

Para conseguilo, dous afeccionados en cada encontro deberán competir en senllas canastras, tentando encestar desde debaixo do aro, desde a liña de tiros libres e desde a liña de triplos. O premio será para o que antes o logre.

Os interesados en participar poderán facelo anotándose previamente no correo concursogaliciacalidade@obradoirocab.com, ao que deberán enviar nome e apelidos e un número de teléfono de contacto.

Para asistir ao partido e vivir en primeira persoa estes momentos, compra xa a túa entrada para este sábado. O prezo xeral das mesmas é de 29 euros en Tribunas Retráctiles, 24 euros en Tribunas 1 e 19 euros en Tribunas 2 e Fondos. Os Prezos Reducidos para menores de 18, estudantes menores de 25, maiores de 65 ou desempregados e federados do ámbito do baloncesto, son de 19 euros en Tribunas 1 e 15 euros en Tribunas 2 e Fondos.

A xestión pódese realizar a través da páxina web (www.obradoirocab.com) ou nas oficinas, situadas no propio Multiusos e con horario de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

O club tamén ten activada unha promoción até o venres en horario de oficina con motivo do pasado Día Universal do Neno, pola que se obsequiará cunha invitación aos nenos menores de 14 anos que veñan acompañados dun adulto que adquira a súa entrada, cun máximo de dous nenos por adulto.

26 de novembro de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.