Conclúe o prazo de presentación de carteis Entroido 2015 de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O vindeiro venres 21 de novembro conclúe o prazo para presentar os traballos do concurso de carteis de Entroido 2015 de Verín, que deberán ser entregados antes das 14 horas, tanto en persoa como por empresas de mensaxería ou Correos, no Rexistro de Entrada do Concello de Verín (Praza do Concello, 1; 32600 Verín).

En devandito concurso poderán concorrer os/as autores/as que o desexen, co número de traballos que estimen oportunos, orixinais, inéditos e non premiados en ningún concurso anterior. Os traballos presentados terán como única identificación un lema. O incumprimento desta norma será motivo de descualificación. O lema presentarase escrito no exterior dun sobre pechado. No interior do sobre xuntarase unha fotocopia do DNI do autor/a, e información co nome artístico -de estimalo oportuno-, enderezo actual e teléfono. Os sobres abriranse despois da decisión do Xurado. Os /As participantes asumen a responsabilidade derivada de plaxio ou de calquera outra transgresión da lexislación vixente sobre dereitos de autor na que poidan incorrer cos traballos que presenten. O formato único será vertical con tamaño de 50 x 70 cm (non servirán formatos proporcionais). Presentaranse montados sobre un bastidor ríxido. Non existirán límites de tintas nin técnicas. No caso de que a obra sexa presentada con sistemas informáticos, aportarán ademais da reprodución a cor que reúna os requisitos sinalados, o correspondente soporte magneto/óptico con todos os ficheiros necesarios para a obtención de fotolitos xunto coas fontes utilizadas, e no seu caso, os orixinais das imaxes utilizadas. O cartel imprimirase en offset. O/A autor/a poderá indicar en Pantone as colores utilizadas. E as obras levarán como único texto ENTROIDO 2015-VERÍN. Do 05 ao 22 de febreiro. Festa declarada de interese turístico nacional.

O Xurado Cualificador encargado de seleccionar o cartel gañador estará conformado polos seguintes integrantes: un representante de cada partido político da corporación municipal (un total de tres), un representante do mundo do cigarrón, dous artistas locais ou profesores de pintura, un representante da carroza galardoada en 2014, un representante da comparsa galardoada 2014 e voto popular (este voto, ademais de resolver un posible empate, reflectirá o resultado do proceso electivo celebrado previamente, por parte dos cidadáns, para seleccionar o mellor cartel dos participantes. Durante as datas de exposición dos mesmos, do 24 de novembro ao 10 de decembro, os veciños/as poderán votar, previa presentación do DNI, o deseño que máis lles guste -outorgándolles tres, dous e un punto a tres dos carteis participantes-, o que máis votos obteña será o cartel que represente o voto popular).

O premio consistirá na edición do cartel seleccionado e nunha dotación económica de 400 euros. A obra premiada será cedida en propiedade polo/ autor/a, a partir do momento da entrega da dotación económica, ao Concello de Verín, que posuirá, entre outros, os dereitos de reprodución, difusión e transmisión. A dotación económica do premio estará sometida á normativa fiscal que proceda aplicar.

12 de novembro de 2014 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.