Complétase o pintado das prazas de estacionamento na zona azul gratuíta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha está a ultimar a posta en marcha da zona azul gratuíta na Avenida Fisterra, o tramo da estrada C-552 que discorre pola capital municipal. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a rotación dos vehículos e facilitar o estacionamento na vía máis transitada do municipio e que, pola súa situación e características, é uns dos máis importantes puntos de referencia tanto a nivel comercial e para a realización de trámites particulares, xa que nesta zona se sitúan diversas entidades bancarias e mesmo a Casa do Concello e o novo edificio administrativo.

Durante os últimos días os operarios completaron o marcado con pintura azul de todas as prazas de estacionamento previstas nos mil metros de distancia lineal da Avenida Fisterra –a ambos lados da vía-, desde os seus puntos de confluencia coas rúas Coruña e Baldomero Fraile.

Inicialmente tamén estaba previsto establecer a zona azul desde o cruce da Avenida Fisterra coa rúa Cuartel na marxe esquerda da vía en dirección a Paiosaco. Esta área quedará temporalmente excluída ao estar pendente do estudo técnico da Xefatura Territorial de Estradas, que deberá determinar o número de prazas que se autoriza marcar tendo en conta criterios de seguridade viaria e de visibilidade ante a existencia do citado cruce e de pasos para peóns.

Nos próximos días serán instalados os correspondentes sinais indicativos verticais e os paneis informativos. Este será o último trámite antes de establecer o inicio do funcionamento da zona azul, momento no que cada condutor terá a obriga de colocar nun lugar visible do seu vehículo calquera medio indicador que permita comprobar a hora de chegada. O estacionamento limitarase a noventa minutos e a medida estará en vigor de luns a venres (excepto festivos) exclusivamente en horario de mañá, de 9:00 a 15:30 horas. No caso de incumprimento, contémplanse sancións de oitenta euros.

O Concello da Laracha distribuirá discos de cartón de xeito gratuíto entre os veciños para facilitar o cumprimento da normativa. Esta mesma iniciativa tamén foi posta en marcha pola Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL).

Salientar, por último, que a ordenanza municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria tamén establece que non poderán aparcar en zona azul os vehículos que superen os 3.500 quilos de peso máximo autorizado (salvo permiso expreso) e que están exentos das limitacións os automóbiles con licenza municipal para actividades específicas de ocupación de vía, os vehículos de entidades públicas adscritos á defensa e á seguridade cidadá, as ambulancias e vehículos de emerxencias (cando se atopen cumprindo tales servizos) e os automóbiles particulares que dispoñan da tarxeta de mobilidade reducida.

27 de novembro de 2014 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.