Comezo inminente das obras da Fase I da “Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura da acta de replanteo da Fase I da obra de “Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)” no que estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e representantes da empresa adxudicataria, a UTE (Unión Temporal de Empresas) Anllóns Bardoso I formada por Construcciones López Cao SL e Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL. O prezo de adxudicación é de 1.024.870 euros (IVE incluído) e o prazo de execución é de catro meses (120 días naturais) a contar dende o día seguinte ao da sinatura formalizada hoxe, venres 7 de novembro. Hai que subliñar que a UTE tense comprometido a realizar melloras técnicas e de obra sen custo adicional por un importe de 112.453,05 euros.

Esta adxudicación prodúcese despois da resolución do contrato para a realización destes mesmos traballos coa UTE formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL. O Consello Consultivo de Galicia ratificou esta rescisión despois de que, unha vez rematado o prazo de execución, que entón era de 8 meses, a UTE só tivera certificados arredor de 9.000 euros fronte aos 1.024.648,57 euros do prezo do contrato anterior. Os traballos están cofinanciados nun 70 por cento con fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e o prazo de xustificación que esixe a UE (Unión Europea) para conceder a subvención remata en marzo de 2015, cando a obra debería estar executada. Coa nova adxudicación do proxecto, e de cumprirse o prazo de execución ofertado pola UTE, deberían poder certificarse os traballos a tempo e cumprirse os prazos estipulados pola UE.

7 de novembro de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.