publicidade hoxe

Comezan os traballos de construción do novo IES de Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

Comeza a construción do novo instituto de Educación Secundaria para Carral, unha demanda do Concello á Consellería de Educación ante o crecemento poboacional do municipio. O goberno autonómico acaba de adxudicar e formalizar o contrato, e de aprobar o plan de seguridade e saúde, polo que as obras xa poden iniciarse.

No día de hoxe, responsables da Consellería, o Concello, e a empresa citáronse na parcela onde se emprazará o IES para levantar a acta de reformulo. No acto estivo tamén presente o alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño. Desta forma comézase o proxecto ansiado polo Concello de Carral e os seus veciños. O luns e o martes a empresa procederá á instalación das casetas de obra para emprender as obras incluídas na actuación. O proxecto foi adxudicado pola Xunta á empresa Vila-Rio Miño por 2.368.743,15 euros máis IVE, ao que haberá que sumar a dotación de equipamento. O prazo de execución previsto é de 9 meses.

O alcalde destacou que o iniciou das obras é “unha gran noticia” para Carral, para poder proporcionar aos escolares “un centro de ensino coas mellores prestacións”. Mouriño celebrou que a Xunta actuase con celeridade na adxudicación para ir superando pasos e lograr que a infraestrutura sexa unha realidade próxima. O complexo educativo emprazarase na entrada de Carral, na marxe da Nacional 550, nunha parcela cedida polo Concello cunha superficie de 2.938,96 metros cadrados. O Concello de Carral asumirá a urbanización da parcela. Por iso, o alcalde xa mantivo conversacións coa Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento xa que para o acceso ao IES proxéctase unha raqueta e carrís de incorporación na N550.

O novo instituto contará con 12 aulas de ESO, polo que dará cabida a 360 alumnos. Na planta baixa situarase a biblioteca, o ximnasio, aula de informática, zona administrativa e despachos, incluíndo un para a ANPA. Na primeira planta estarán as aulas, taller de tecnoloxía, aulas de música e plástica, laboratorio e seminarios.

7 de novembro de 2014 | 20:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.