Comezan os obradoiros de micoloxía e lingua con alumnos de primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Normalización Lingüística inicia mañá unha serie de xornadas micolóxicas co fin de promover o uso da lingua galega entre os escolares de primaria. Estas actividades de micoloxía e lingua están organizadas polos equipos de normalización e dinamización lingüística dos catro centros escolares do norte de Pontevedra: CEIP de Campañó, CEIP de Lérez, CEIP de Xeve e EEI de Verducido; coa colaboración Concellaría de Normalización Lingüística.

As xornadas estarán guiadas e dirixidas por especialistas da asociación micolóxica Brincabois. En cada un dos centros desenvolverán as seguintes actividades: charla de introdución á micoloxía; saída de campo guiada para que o alumnado recolla cogomelos no monte; sesión para identificar os cogomelos recollidos e montaxe dunha exposición no colexio cos cogomelos apañados.

Con estas actividades búscase iniciar ao alumnado no coñecemento dos cogomelos habituais na súa contorna e dinamizar o uso da lingua galega tanto na oralidade como na escrita, asociándoa a actividades lúdicas e formativas, de interese para a infancia.

Mañá martes, 18 de novembro, comezará a primeira xornada no CEIP Santo André de Xeve.

• Ás 9 horas Jaime Blanco impartirá a charla: “Os cogomelos de Xeve “.

• Ás 10 horas sairán recoller cogomelos pola parroquia.

• Pola tarde, a partir das 16.30 horas, montaxe da exposición cos cogomelos recollidos.

O mércores 19 de novembro, a actividade realizarase na EEI de Verducido:

• Ás 11,30 horas Jaime Blanco impartirá a charla: “Os cogomelos de Verducido “.

• Ás 12,30 horas sairán recoller cogomelos pola parroquia.

• A seguir realizarase a montaxe da exposición cos cogomelos recollidos.

A vindeira semana o CEIP Parada-Campañó e o CEIP San Bieito de Lérez participarán nesta actividade.

No caso de que a chuvia non permita realizar a saída, adiaranse tanto a recollida de cogomelos como a montaxe da exposición.

17 de novembro de 2014 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.