Comezan na Laracha os obradoiros de alfabetización e memoria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Os obradoiro de alfabetización e memoria que organiza o Concello da Laracha no marco do programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno xa están en marcha. Nesta semana comezaron as quendas da Laracha (Casa da Cultura, luns e mércores de 9:45 a 11:15 horas) e a de Paiosaco (centro sociocultural, luns e mércores de 11:30 a 13:00 horas). A próxima semana iniciarase a actividade en Caión (centro social, xoves de 10:00 a 12:00 horas)

Trátase dunha proposta dirixida a persoas adultas e, especialmente, ao colectivo da terceira idade. Ata o vindeiro mes de maio, o obxectivo é ensinar aos alumnos coñecementos básicos de lectura, escritura e cálculo numérico (sumar, restar, multiplicar e dividir), así como realizar actividades para adestrar a memoria dos participantes co propósito de axudar, na medida do posible, a manter ou recuperar a súa capacidade de recordar.

A concelleira responsable das áreas de cultura e deportes, Patricia Bello, deu a benvida ás alumnas do grupo da Laracha na primeira xornada de actividade.

As persoas que desexen asistir a estes cursos –como aos do resto que se ofrecen no marco do programa municipal de actividades- aínda poden formalizar a súa inscrición acudindo ao Concello da Laracha. Actualmente hai preto de cincuenta participantes entre as tres quendas.

13 de novembro de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.