publicidade hoxe

Comezan as prácticas en empresas as 15 alumnas do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

As alumnas do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que financia a Xunta de Galicia comezaron esta semana o seu período de prácticas profesionais en empresas da comarca.

Son un total de 15 as persoas, todas elas desempregadas, que participan nesta acción formativa que se vén impartindo dende o mes de agosto na antiga escola taller de Cervo e que “buscan mellorar as súas posibilidades de atopar unha saída laboral obtendo coñecementos e experiencia nun sector de futuro”, tal e como asegura a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada.

Da mesma maneira, a edil destaca que ao remate do curso as alumnas obterán o certificado de profesionalidade de nivel 2, sempre que teñan superado todos os módulos. Un documento “moi importante que seguramente lles abrirá as portas para un emprego no sector da atención sociosanitaria”.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a edil visitaron o curso xusto antes de que comezasen as prácticas co obxectivo de coñecer a opinión das alumnas sobre o funcionamento das clases teóricas e o seu grao de satisfacción en xeral co curso.

Cabe destacar que ademais estase impartindo un segundo curso, tamén na área da atención sociosanitaria a persoas dependentes en institución sociais, que comezou no mes de xullo financiado pola Xunta. Un grupo composto doutras 15 persoas desempregadas que esta mesma semana rematarán as prácticas e continuarán cos últimos módulos teóricos. Desta maneira, “30 persoas que se atopaban sen traballo estanse formando nunha profesión que hoxe en día ten moita saída”, explica Armada.

Ao mesmo tempo, a edil aproveitou para dar as grazas á Xunta “pola súa disposición para poñer en marcha iniciativas activas de emprego e, en xeral, para colaborar co Concello en todos os ámbitos”. Armada lembra que estas accións están dirixidas ao fomento do emprego, ao igual que outras iniciativas que ten en marcha o Concello, como é o caso das bolsas remuneradas para titulados ou o plan de formación dual, que mestura formación teórica e traballo remunerado para menores de 30 anos.

5 de novembro de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.