Comezan as clases de zumba con 250 inscritos entre todas as quendas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Unha das propostas máis valoradas do programa municipal cultural e deportivo de inverno xa está en marcha. Nas diferentes quendas e modalidades de zumba están a comezar a actividade ao longo desta semana preto de 250 persoas.

Ante a gran demanda de prazas, o Concello puxo en marcha dúas quendas na Laracha (martes de 19:30 a 20:30 e de 20:30 a 21:30 horas) e unha en Paiosaco (mércores de 18:30 a 19:30 horas) para os adultos. Ademais, para os nenos ofertouse Zumba Kids, tamén con dúas quendas na Laracha (xoves e venres, en ambos casos de 17:00 a 18:00), unha en Paiosaco (mércores de 17:30 a 18:30 horas) e outra en Caión (mércores de 16:00 a 17:00 horas).

En total xa son máis de novecentas persoas as que están anotadas nas diferentes actividades municipais que oferta o Concello da Laracha no marco do programa que se desenvolverá ata o vindeiro mes de maio. Na inmensa maioría das disciplinas, aínda quedan prazas dispoñibles.

Todas as persoas que estean empadroadas no Concello da Laracha poden inscribirse en calquera das vinte e unha propostas para adultos e as once para nenos nas que o cupo non estea cuberto. A cota de inscrición é reducida e presenta descontos para maiores de 65 anos de idade, menores de 18, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego.

6 de novembro de 2014 | 20:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.