Comeza o encontro sobre matemáticas e empresa entre relevantes multinacionais e as tres universidades galegas
Mañá venres, 21 de novembro, comeza o X Foro de Interacción Matemática Industria, un encontro promovido polas tres universidades galegas no que participarán varias empresas multinacionais de gran relevancia internacional.
Compañías de dimensión internacional como Repsol, o grupo BSH (integrado polas marcas Bosch e Siemens), o Grupo OHL, Abanca, Fujitsu ou Mestrelab (desarrolladora de ferramentas de software para a comunidade científica), participarán neste evento que se celebrará na Facultade de Matemáticas da USC. O Instituto Nacional de Estatística (INE) tamén contará cun papel activo no Foro. Os diferentes relatores exporán aquelas necesidades que xorden na súa actividade e ás que as matemáticas poden atopar saída.
Deste xeito, búscase fortalecer as relacións entre a empresa e a universidade no campo da Matemática Industrial, para favorecer a trasmisión de coñecemento e abrir liñas de investigación e innovación neste sentido. Na súa décima edición, este foro contribuirá a demostrar o potencial das matemáticas, a simulación numérica, a estatística e a investigación operativa como unha vía para aumentar a competitividade na industria e como ferramenta innovadora.
As empresas participantes exporán cuestións concretas relacionadas con mecánica de fluídos, cálculo de estruturas, transferencia de calor, acústica, electromagnetismo, finanzas, apoio á toma de decisións, asesoramento estatístico, análise de datos, control de calidade, etc.
Programa, relatores especializados e necesidades actuais
O venres arrincará o Foro cunha mesa titulada “Dous proxectos de colaboración no ámbito da Matemática Aplicada”, na que participarán Jesús García San Luís e José Francisco Rodríguez Calo, de Repsol, e os profesores da USC Alfredo Bermúdez de Castro e Francisco Pena Brage, por parte de ITMATI. A continuación, a responsable de Planificación e Estudos de Abanca, Belén Mª Fernández de Castro, exporá a súa experiencia na aplicación da estatística na planificación estratéxica dunha entidade financeira. A estatística será tamén a protagonista do seguinte relatorio, no que José Luís Maldonado, subdirector xeral TIC do INE presentará o novo modelo de produción de estatísticas que empregan neste organismo público.
Rafael Pestana Sartorius, sales manager de Fujitsu, e César Quintana, director de operacións do Grupo OHL, reflexionarán sobre a aplicación de modelos matemáticos sobre supercomputación no sector das infraestruturas. Pecharase a sesión de mañá coa presentación dos títulos que ofrecen conxuntamente as tres universidades galegas, o Máster en Técnicas Estatísticas e o Máster de Matemática Industrial, este último en colaboración coas Universidades Carlos III e Politécnica de Madrid.
Xa pola tarde, José Salvador Ochoa Torres, da multinacional BSH, analizará a simulación numérica nos queimadores domésticos, mentres que Santiago F. López Ponte, desarrollador de software científico en Mestrelab Research, exporá a súa experiencia tras dez anos aplicando coñecemento multidisciplinar con base nas ciencias matemáticas. A directora de ITMATI, Peregrina Quintela, pechará esta sesión presentando a ITMATI como un centro para favorecer a transferencia e a innovación.











