Comeza a poda de máis de 230 árbores nas principais vías urbanas de Fene
O Concello de Fene vén de iniciar os traballos de poda de máis de duascentas árbores ubicadas nas principais vías urbanas do centro do municipio. Uns traballos que se prolongarán por espazo de mes e medio e que executa unha cuadrilla municipal integrada por seis operarios. O alcalde, Gumersindo Galego, explicou esta mañá que estas tarefas tamén permitiron a creación temporal de emprego, xa que o Concello recurriu á Bolsa Municipal de Emprego para a contratación dun peón –que se uniu á citada cuadrilla-.
Así as cousas, a poda en marcha realízase con carácter anual nas Avenidas Marqués de Figueroa e máis Naturais. Ao longo de ambas marxes sitúanse máis de 230 exemplares de plátanos, árbores de grande porte que alcanzan ata os catro metros de altura- e máis magnolias. Os traballos lévanse a cabo en horario de mañá de luns a venres e os operarios están apoiados nas súas tarefas por unha máquina elevadora.
Doutra banda, o Concello de Fene vén de concluír os traballos na rúa da Fraga, situada no entorno da casa consistorial. Alí, e durante esta semana, operarios municipais encargáronse de tapar os alcorques que tiñan quedado na beirarrúa despois da retirada duns árbores hai xa uns anos. Esta situación dificultaba a mobilidade peatonal neste punto, polo que os operarios municipais procederon a cubrilos para, posteriormente, colocar o adoquinado neste lugar.











