Cogami inicia un curso de condutor no que se van formar doce persoas con discapacidade en Ourense
O xoves, 20 de novembro, ás 8:00 horas, nas aulas da Autoescola Alonso Ourense (Rúa Marcelo Macías nº 14) inicia un curso de Condutor D+CAP que organiza a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e na que se van formar 12 persoas con discapacidade, 11 homes e 1 muller, procedentes dos concellos de Ourense, Toén, Barbadás e O Carballiño.
O curso, que ten unha duración de 130 horas teóricas e 10 de prácticas en autobús, está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).
De luns a venres, en horario de 8:00 a 14:00 horas, o alumnado terá que acudir a clases sobre condución racional no transporte de viaxeiros, regulamentación do transporte de viaxeiros e organización do mercado e seguridade do servizo de transporte de viaxeiros.
Todas as persoas que forman parte deste curso son usuarias do Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI. A maioría proceden doutras profesións, que ao obter o certificado de incapacidade laboral polo exercicio da profesión habitual, decidiron apuntarse ao curso porque o ven como unha oportunidade de novas posibilidades laborais.











