Clara vitoria de Os Ingleses en Fontecarmoa
Antes do partido emotivo minuto de silencio en memoria de José Manuel Gandara “Croque” ex xogador de rugby e na actualidade árbitro que faleceu traxicamente a semana pasada nun accidente de tráfico cando regresaba de arbitrar un partido.
Moi boa a primeira parte de Os Ingleses que despregou un xogo moi serio e consistente. Xa no minuto 6 Pintos lograba adiantar no marcador a Os Ingleses sobrepóndose á presión inicial de Vigo. (5-0)
Un Vigo que reaccionou inmediatamente e acurtaba distancias no marcador mercé a un Golpe de Castigo m.10 (5-3)
A partir deste momento Os Ingleses dominaba no xogo a pesar de ter problemas na Touch e na mele e aos poucos foron chegando os puntos. No minuto 23 Hache conseguía ensaiar transformando pintos (12-3) e outra vez Pintos primeiro cun Golpe de Castigo e despois cun ensaio ao bordo do descanso ampliaba a distancia inglesa até o (22-3).
Na segunda parte Os Ingleses mellorou no xogo de Touch e mele pero en contra cometía excesivos golpes de castigo que os visitantes aproveitaron cun golpe que sacaron rápido a 5 metros da marca local para ensaiar e achegarse no marcador (22-8).
Segunda parte de menos calidade que a primeira, con multitude de imprecisións e interrupcións en boa mediade debidas ao mal estado do terreo de xogo que non lograba drenar a gran cantidade de auga caída e finalizou nun moi mal estado.
Lema conseguiu sentenciar o encontro no minuto 65 logrando ademais un importante bonus ofensivo para os arousanos (29-8)
Os universitarios aínda conseguirían un ensaio máis deixando o marcador final en (29-13)
Con este marcador Os Ingleses segue invicto e con 24 puntos iguala na fronte da clasificación ao Ferrol R.C. Que a pesar de vencer en Ourense non conseguiu o bonus ofensivo.
Os Ferroláns grandes favoritos para o título que contan cun amplo persoal, moi físico e con xogadores de gran nivel son o próximo rival dos arousanos que viaxan a Ferrol no que seguro vai ser un gran encontro de rugby.











