Carlota Hernández e Ana Carrasco proclámanse campioas Sub 16 F en Valencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

Onte domingo finalizou en Valencia a Copa de España da clase 420 ata onde se desprazaron 14 tripulacións galegas representando ao RCM Aguete, RCN Portosín, RCN Vigo, LC Vilagarcia, CN Punta Lagoa, MRCY Bayona, CN Ribeira, CN Outes e a recente flota do CM Oza “O Puntal”.

A Federación Galega de Vela co seu director técnico Alberto García ao mando da expedición desprazou ata Valencia á Selección Galega formada por:

– Andrés Álvarez e Pablo García do RCM Aguete.
– Marcos Fernández e Pedro García do RCN Portosín/CN Outes.
– Carlota Hernández e Ana Carrasco do RCN Vigo.

Con 77 tripulacións participantes, 3 días de competición e 7 mangas válidas as tripulacións galegas estiveron nos postos de cabeza da competición, aínda que lles faltou algo de regularidade para entrar no podio absoluto. Adrián e Marta Domínguez do LC Vilagarcía finalizaron 5º tras un bo campionato con 2 “picadas” que lles privaron de meterse no podio. Andrés Álvarez e Pablo García tamén estiveron irregulares e terminaron no 10º posto, aínda que sumando valiosos puntos de cara ao Ranking Nacional 2015.

O triunfo final foi para a tripulación catalá-balear Silvia Mas e Paula Igual (CN Masnou-CN S´Arenal) baixo a supervisión do seu adestrador Bruno Gago.

Adrián e Marta do LC Vilagarcía terminaron 5º na xeral. Andrés e Pablo do RCM Aguete 10º.

As maiores progresións foron as das novas tripulacións do RCN Vigo que estiveron na cabeza da flota infantil Sub 16. Carlota Hernández e Ana Carrasco álzanse co título Sub 16 Feminino e 21º da xeral. Outra tripulación en alza é a de Marcos Cordeiro e Simón Porzio que foron moi regulares e continúan progresando na competitiva flota nacional de 420 pasando ao Grupo Ouro e terminando 29º da xeral.

Rodrigo Rodríguez e Omar Colmenares quedaron no grupo prata por un fóra de liña pero mantiveron a súa boa actuación sendo 4º Sub 16 e 2º do grupo prata.

Cabe destacar a gran asistencia de tripulacións galegas (14 ), a segunda Comunidade en número de tripulacións participantes tras Cataluña, o que augura un gran futuro para a clase en Galicia.

3 de novembro de 2014 | 14:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.