Carlos Negreira mostra a súa satisfacción pola construción dos dous novos campos de fútbol de Visma

Carlos Negreira na visita ás obras
O alcalde coruñés, Carlos Negreira, visitou esta mañá San Pedro de Visma, onde se están construíndo dous novos campos de fútbol, incluídos dentro dun convenio asinado polo Concello coa Federación Galega de Fútbol que é aínda máis ambicioso, posto que tamén recolle a execución da nova sede da entidade que preside José García Liñares, convertendo A Coruña na “casa do fútbol galego”.
“Hoxe é un día de satisfacción plena para min e para os máis de 5.000 nenos que xogan ao fútbol nesta cidade e que están de parabén porque poderán gozar destas magníficas instalacións”, afirmou Negreira, quen estivo acompañado no acto polos presidentes da Federación Española e Galega de Fútbol, Ángel María Villar e José García Liñares, respectivamente. Ambos coincidiron en agradecer ao Concello a súa vontade de cooperación para facer realidade este gran proxecto. Neste sentido, o máximo responsable da federación española destacou a “sensibilidade” que tivo Carlos Negreira á hora de apostar por esta iniciativa na que, a través do deporte, contribúese á formación dos mozos. De feito, o Goberno municipal encargarase da xestión das instalacións durante polo menos 11 meses ao ano.
Os dous novos campos de herba artificial terá unhas dimensións de 105×68 metros (adecuado para celebrar partidos de alto nivel deportivo, como primeira división ou encontros internacionais) e de 100×63 (válido para competicións de segunda división). Ademais de ser aptos tanto para fútbol 11 como para fútbol 7, as dúas pistas estarán unidas polas bancadas, que debaixo albergarán as duchas e os vestiarios.
“Este proxecto é un magnífico exemplo de colaboración que cumpre un dobre obxectivo: axudar a dous dos compromisos adquiridos por este equipo de goberno de impulsar o deporte base e facer máis cidade. Os novos campos de fútbol tamén teñen unha función social, pois atópanse dentro dun plan de rexeneración urbana que beneficia a 7 barrios da cidade”, destacou o alcalde, quen lembrou a excelente localización do complexo deportivo, moi próximo á Terceira Rolda.
Carlos Negreira destacou que a construción dos dous campos de fútbol e da futura sede da Federación Galega de Fútbol forman parte dun gran proxecto de rexeneración e transformación integral desta zona da cidade, no que tamén se inclúe a nova sede de Padre Rubinos e o Parque de Adolfo Suárez, un novo pulmón verde co que contará A Coruña e que conectará sete barrios da cidade: San Pedro de Visma, O Portiño, Os Rosales, Labañou, Os Mariñeiros, O Ventorrillo e o Agra do Orzán.
En total, son máis de 100.000 metros cadrados cun orzado xa reservado de ao redor de 11 millóns de euros, pois aos 6,4 millóns correspondentes ao investimento que realiza a Federación Galega de Fútbol (2,8 millóns polos campos e 3,6 millóns pola nova sede) súmanse os 2,2 millóns de euros da construción do parque de Adolfo Suárez (xa adxudicado tras saír a licitación por 3 millóns de euros e que financia a Fundación Amancio Ortega en virtude a un convenio co Concello e Padre Rubinos) e os máis de 2 millóns de euros para a construción de tres viarios que permitirán mellorar a urbanización e as conexións (beirarrúas, aparcadoiros e iluminación).
O Concello xa sacou a concurso os proxectos para a construción destes tres novos viarios. De feito, hoxe adxudicouse a urbanización do acceso norte aos campos de fútbol, un investimento que alcanza os 645.288 euros (unha rebaixa de 209.398 euros, case un 25% de aforro con respecto ao orzamento de licitación) e cun prazo aproximado de execución de dous meses e medio.
Para os outros dous proxectos -o novo viario entre a rolda de Outeiro e a rúa Loureiro e a reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río-, presentáronse 19 e 15 propostas, respectivamente. Entre ambas as actuacións, o investimento programado polo Concello supera os 1,45 millóns de euros.











