Carballo Interplay comeza cun ciclo de 14 cursos sobre o sector audiovisual

Presentación de FormaCIP
Un amplo grupo de recoñecidos profesionais do sector audiovisual galego en activo serán os encargados entre novembro de 2014 e abril de 2015 de impartir os 14 obradoiros incluídos no FormaCIP, o “preludio”, segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, da segunda edición do festival Carballo Interplay (CIP). Unha cita, que, en verbas da súa directora, Sonia Méndez, contou na súa primeira edición cunha grande repercusión, “non só a nivel estatal, senón tamén a nivel internacional en cidades como Los Ángeles ou Roma”, o que fixo que o festival fora unha experiencia que “superou as expectativas”.
A segunda edición volve en abril de 2015 coa mesma arela de ser unha cita “pioneira” e, neste caso, transcendendo o mundo das webseries. Así, seguirá habendo o concurso que foi a razón de ser da cita, pero “dando un pequeno xiro”, abrirase a outras narrativas dixitais, como por exemplo o webdocumental ou as curtas, para, segundo subliña Méndez, seguir a “medrar no mundo de Internet e das novas tecnoloxías”. E para seguir afondando nas claves do sector audiovisual e na oferta formativa do Concello, xurdiu o FormaCIP, que tivo o seu xermolo no Taller de webseries celebrado na primeira edición do CIP. O luns 17 de novembro comeza o primeiro dos catro obradoiros para os que xa está aberto o prazo de inscrición e que constitúen unha primeira quenda. A segunda, cos outros dez talleres, principia en xaneiro. Todos custan tan só 20 euros e abordan temas como a edición, a cámara, o son, o guión, o videoclip, a interpretación, etc.
Respecto da primeira quenda de obradoiros, todos eminentemente prácticos e que terán lugar no Forum Carballo, comeza con “Meditacións ao redor do ‘Eu’. O cinema en primeira persoa”, a cargo de Eloy Domínguez Serén, un galego afincado en Suecia representante da nova xeración de directores/as galegos que están a levar o nome do país polos grandes festivais internacionais.
A progresiva subxectivización do discurso cinematográfico ten propiciado pola súa banda un prodixioso auxe de filmes narrados en primeira persoa ou de representación do “eu”. Este curso (de 20 horas, con 20 prazas, entre o 17 e o 21 de novembro de 16.00 a 20.00 horas) realiza un apaixonado achegamento teórico e práctico a esta fascinante modalidade de creación. O ciclo continúa cun taller máis técnico dedicado a “Operador de cámara HD”, con Victor Rodríguez e Oscar Chamorro (de 20 horas de duración, entre o 27 e o 30 de novembro de 16.00 a 21.00 horas, 20 prazas). Trátase dun curso teórico-práctico de iniciación e perfeccionamento no manexo de cámaras de Alta Definición. Xa están cubertas as prazas para a terceira das accións formativas sobre a “Iniciación á edición Profesional con Adobe Premier Pro” con Daniel Viqueira (de 15 horas, con 15 prazas, do 3 ao 7 de decembro de 18.00 a 20.00 horas), e mesmo hai listaxe de agarda.
“Introdución ao son” en decembro e novos obradoiros en xaneiro
Por último, aínda hai prazas para o taller de “Introdución ao son” con Xoán Escudero (15 horas de duración, con 15 prazas, o 13 e 14 de decembro de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas). O obxectivo principal do taller é que o alumnado comprenda como funciona o departamento de son dentro dunha produción, para o que é imprescindible aprender a “escoitar” a parte sonora. A partir de xaneiro continúan o resto de obradoiros, dos que se dará cumprida información máis adiante das datas, horarios, nº de prazas, etc.: “Guión para ficción televisiva”, “A Arte da Cinematografía”, “O xogo co actor”, “Iniciación ao After Effects”, “Obradoiro de Créditos”, “Iniciación á curtametraxe de Ficción”, “Realización de videoclips musicais”, “Video experimental, novos medios e formatos”, “A construción dun arquivo audiovisual local. Proxecto SOCHEO” e, para rematar, “Obradoiro sobre a remontaxe ‘Carballo Termomix'”. Sonia Méndez quixo subliñar especialmente o obradoiro que terá lugar no marco do proxecto SOCHEO, enfocado a mozos e mozas dos institutos e centros de ensino do municipio para que creen o “arquivo visual e audiovisual de Carballo” recompilando material relacionado coa vila. De feito, un dos obxectidos de moitos dos talleres, a maioría para maiores de 16 anos, é o de conseguir implicar a xente moi nova no mundo da produción audiovisual.
Xosé Regueira quixo resaltar durante a presentación da proposta que iniciativas como esta cumpren os obxectivos da administración local de conseguir “a visualización de Carballo alén das nosas fronteiras”, e que se difunda “a capacidade creativa da xente da vila”. Para Regueira, a primeira edición do CIP “sacou a Carballo máis aló da provincia e de Galicia” e tamén serviu, xunto con outras propostas como “Derrubando muros con pintura”, para que “en todas partes do mundo o Concello teña eco en relación con aspectos artísticos e creativos”, o que o Concelleiro considera que “a medio e longo prazo terá tamén unha repercusión económica na vila”. Como Concelleiro de Formación, Marcos Trigo salientou que iniciativas como o CIP e o FormaCIP contribúen a que o Fórum escape “da concepción tradicional como Centro de Formación” e que poida chegar a ser unha referencia. Para rematar, o Alcalde, Evencio Ferrero, fixo unha defensa da cultura como sector económico, ademais de que o CIP é un xeito de que a xente “coñeza, consuma e visite Carballo” e quixo transmitir os seus parabéns á equipa do festival porque “estamos encantados de que Carballo sexa sede deste tipo de iniciativas”.











