Carballo inaugura unha nova unidade de atención temperá
A Consellería de Traballo e Benestar incrementará nos orzamentos de 2015 a partida destinada á atención temperá destinando a este eido preto de 600.000 euros. Ademais, e, como novidade, recollerase por primeira vez unha partida de 312.500 euros para a nova Rede Galega de Atención Temperá coa que a Xunta financiará servizos específicos de atención temperá nos concellos.
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, anunciou hoxe este investimento na inauguración en Carballo da Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar de Bergantiños (Udiaf), un acto ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Trátase dun novo recurso, o primeiro deste tipo na provincia da Coruña, que ofrece unha atención temperá e integral aos nenos e nenas de 0 a 6 anos con problemas de desenvolvemento ou risco de padecelos e ás súas familias.
Trátase da terceira unidade desta tipoloxía que se pon en marcha en Galicia, tras a de Deza, en Lalín, e a de O Salnés, en Vilagarcía. Estes servizos desenvólvense a través dun convenio de colaboración que a Consellería de Traballo e Benestar mantén desde 2009 coa Asociación Galega de Atención Temperá (Agat) e que en 2015 seguirá ampliándose. Deste xeito, aumentará nun 22 por cento chegando ata os 275.000 euros.
Piñeiro destacou que este servizo permite potenciar a estimulación temperá que é esencial para que os nenos e nenas poidan alcanzar o máximo nivel de desenvolvemento persoal e de integración social. Na actualidade, as dúas unidades que están xa en marcha, a do Deza e do Salnés, prestan atención a 250 familias cada ano.
Neste mesmo ámbito, a secretaria xeral de Política Social sinalou que hai un ano a Xunta aprobou o Decreto de Atención Temperá, que permitiu crear por primeira vez en Galicia unha rede de atención temperá que está dirixida a prestar unha atención integral aos menores e ás súas familias; avanzar na súa autonomía e calidade de vida; e fomentar a prevención da dependencia.
En definitiva, Piñeiro apuntou que a Xunta segue a traballar por mellorar a calidade de vida das persoas e, neste caso, dos nenos e nenas galegos a través da vía do diálogo e da colaboración coas entidades de iniciativa social e os propios concellos.











