Canarias Explosivo imponse na Final do Campionato de España de Cruceiros de Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Entrega de premio a Canarias Explosivo

Entrega de premio a Canarias Explosivo

O Canarias Explosivo, de Lucio Pérez e patroneado por Javier Padrón, impúxose esta mañá na Final do Campionato de España de Cruceiros disputado na Bahía de Baiona, baixo a denominación de Trofeo Pobos Colombinos de España.

O veleiro do Real Club Náutico de Tenerife estivo patroneado por Javier Padrón, co reforzo local dos regatistas Laureno Wizner e Roi Álvarez. Como representante da Zona Canaria, o Canarias Explosivo logrou o triunfo nunha apertada final, con tan só un punto de diferenza entre os tres banzos do caixón do podio. Padrón deixou no seu haber 7 puntos.

O posto de prata foi para o embaixador da Zona Cantábrica, o Salem, de Carlos Martón e levado á roda por Pichu Torta. O barco do Real Club Marítimo Santander foi segundo, con 8 puntos.

E o bronce adxudicoullo o Movistar, de Pedro Campos, con 9 puntos. Baixo a grímpola do Real Club Náutico de Sanxenxo, o veleiro que representaba á Zona Mediterránea, navegou baixo a tutela de Pablo Iglesias, cun extraordinario elenco a bordo como Alberto Vello, Fernando Rivero ou Miguel Riveiro, entre outros.

O cuarto posto foi para Icue IV, de Carlos Sáez, levado á cana por Javi Serrano. O barco do Club Náutico de Regatas de Valencia, representaba á Zona Sur e saldou a súa participación con 13 puntos.

A quinta praza adxudicáballa os Aceites Abril, dos irmáns Jorge e Luís Pérez –Canle, con 14,3 puntos, despois de que o Comité lle concedese unha Reparación (termo polo que se adxudica unha compensación de puntos por sufrir algún tipo de conflito alleo á súa vontade de dominio e control do veleiro). O barco dos ourensáns Pérez-Canle era o representante da Zona Atlántica navegando con grímpola do Club Marítimo de Canido.

Por último o Fígaro do MRCYB pechaba filas sendo sexto con 22 puntos, tomando parte no Trofeo Pobos Colombinos de España, como convidado. César García foi o seu temoneiro, representando ao Club Náutico do Masnou.

A entrega de premios celebrouse ás tres da tarde, coa asistencia do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; os presidentes das Federacións Galega e Real Española de Vela, Manuel Villaverde e José Ángel Rodríguez, respectivamente; o Vicecomodoro do MRCB, Alejandro Retolaza; e o concelleiro de Actividades Marítimas e Relacións cos Pobos Irmáns, Raul Costas Lafuente.

Os tripulantes do barco gañador deste primeiro campionato de España obteñen, ademais, Licenza de Honra durante 2015 e a adxudicación directa da primeira das prazas para a gran final do próximo ano.

A Final do Campionato de España de Cruceiros – Trofeo Pobos Colombinos de España que organizou a Real Federación Española de Vela, contou coa colaboración do Monte Real Club de Iates de Baiona, a Federación Galega de Vela, Paradores, Teledeporte e Panorama Vela, baixo o patrocinio do Excmo. Concello da Real Vila de Baiona.

16 de novembro de 2014 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.