Campaña de sensibilización no Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero en Verín
Durante a xornada de mañá 25 de novembreo, e co obxecto de conmemorar o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, a agrupación dos concellos de Verín e Vilardevós do Centro de Información ás Mulleres CIM – Secretaría Xeral de Igualdade, o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades a través do Programa Irene e a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) promoven diversas iniciativas de sensibilización enmarcadas baixo o lema “#Non só doen os golpes!!”.
Ao longo da mañá realizarase a campaña de sensibilización polas diferentes rúas e prazas da localidade, así como nas redes sociais. Todos/as interesados/as en participar nas mesmas poderán realizalo no Facebook de Igualdade-Verín-CIM, no twitter @CIMVERIN co hashtag #nonsodoenosgolpes, ou tamén no vídeo que se está a deseñar para manifestar persoalmente o rexeitamento á violencia de xénero.
Durante a tarde as actividades trasladaranse ao salón de actos da Casa da Cultura de Verín coa realización dunha Xornada Reflexiva. A mesma se iniciará ás 18 horas co testemuño de Aurora, vítima de violencia ela e a súa familia, seguido unha hora máis tarde do relatorio ‘Onde estás? A quen escribes? Por que te conectaches? Novas formas de violencia entre a xuventude’, a cargo dun técnico do Proxecto Irene (Programa do Instituto da Muller Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, de información, formación e prevención da violencia sexual en mozos/as e adolescentes, cofinanciado polo Fondo Social Europeo no ámbito do Programa Operativo Loita contra a discriminación de programación 2007-2013). Ademais, este técnico tamén acudirá aos centros de ensino de Verín para sensibilizar a poboación máis nova sobre este tema, que lles afecta tan de cheo, sobre todo no mal uso das novas tecnoloxías.
Ás 20.30 horas, e se tempo o permite, terá lugar unha concentración cidadá diante da Casa Consistorial de Verín (Praza do Concello), no que se procederá ao reparto de lazos cor violeta e á lectura dun manifesto de repulsa en contra desta lacra que sacude a sociedade e visibilizando un problema que coa crise se está agudizando (no caso de inclemencias meteorolóxicas este acto terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Verín).











